BNG chama á responsabilidade da Cámara para antepoñer os intereses de Galiza ás siglas no debate do financiamento
Noa Presas acusa o conselleiro de Facenda de non ofrecer ningunha vía de traballo seria porque ten as mans atadas pola súa submisión a Génova
Rexeita a proposta centralista, inconsistente e inxusta do Ministerio, que “empeora o que xa era malo e afonda na discriminación do noso País”
A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, apelou á responsabilidade de todo o arco parlamentario “para poñer os intereses dos galegos e das galegas por diante das siglas dos seus partidos” rexeitando a “proposta insultante” que o Goberno do Estado vén de presentar para un novo modelo de financiamento das CCAA.
“É unha proposta centralista, inconsistente e inxusta que empeora o que xa era malo, aumentando a discriminación de Galiza”, asegurou a deputada nacionalista na súa quenda de réplica tras a comparecencia do conselleiro de Facenda, Miguel Corgos. Unha intervención que aproveitou para, máis unha vez, emprazar a populares e socialistas a decidir de que lado van estar na negociación do novo modelo de financiamento: “Do lado de Génova e de Ferraz ou de lado dos galegos e as galegas”.
Presas defendeu un cambio de estratexia e recriminoulle ao conselleiro que o PP no Goberno da Xunta opte por ser “parte do problema” no debate do financiamento, negándose a negociar bilateralmente co Estado. “Despois de corenta minutos de rolda de prensa non ofreceu ningunha vía de traballo seria”, criticoulle, afeándolle o rexeitamento á “man tendida” do BNG que, dixo, “é aliado nesta batalla” para conseguir un sistema xusto para Galiza.
“Se cambia de posición, nós estaremos aí, demandando unha negociación bilateral e avanzando en que Galiza teña a chave dos seus cartos”, salientou, ao tempo que remarcou a defensa que o BNG fai dun modelo de concerto económico.
Presas acusou a Rueda de presidir un “goberno coas mans atadas pola súa submisión a Génova e ao centralismo e pola súa incapacidade política”, o que explica tamén a súa negativa a aceptar a condonación da débeda (en torno a 4.000 millóns de euros) negociada polo BNG en Madrid. Unha débeda que, subliñou, triplicou o PP e pagan todos os galegos e galegas.
O Goberno de Rueda, o máis cómplice da discriminación
“Galiza perde porque a Xunta non negociou. Que o Estado nos discrimine é o habitual na historia deste país, pero nunca antes houbo un goberno da Xunta, nin tan sequera do PP, tan cómplice desa discriminación e tan aliñado co centralismo”, sostivo a portavoz nacionalista de Facenda, que aproveitou a súa intervención para botarlle en cara a Rueda que acudise á chamada de Feijóo para asinar en Zaragoza unha declaración sobre financiamento na que non se menciona nin unha soa vez a Galiza. “Cando hai que escoller entre Galiza e o PP, Rueda escolle sempre o PP”, remachou.
“Galiza merece máis. Se están de acordo, demóstreno. Negocien por este País e sexan dignos de ser nomeados representantes das galegas e dos galgos”, concluíu nun novo emprazamento ao conselleiro.
Modelo centralista e que non resolve o infrafinanciamento
Ao longo da súa intervención, Presas detallou as cuestións claves polas que o BNG rexeita a proposta do Ministerio, a comezar porque é un modelo que afonda no centralismo —non avanza no autogoberno— e “na falacia da Galiza pobre que compran PP e PSOE”. Segundo os datos definitivos da liquidación do sistema no ano 2022, o Estado recadou en Galiza 15.385 millóns de euros, e só recibiu 10.041 (-5.344 M€), argumentou.
En segundo lugar, engadiu a deputada nacionalista, a proposta empeora ao rebaixar criterios importantes para o País, como a dispersión e o avellentamento e non introducindo outros novos, o que fai que non se resolva o infrafinanciamento no seu conxunto. Segundo dixo Presas, o aumento global é mínimo, pois Galiza só recibiría o 2,8 % do incremento global, menos de 600 millóns de euros que distan moito da cifra na que o Consello de Contas calculou o déficit anual, en torno aos 1.500 millóns de euros.
A portavoz de Facenda do Bloque advertiu, finalmente, que a proposta do Goberno do Estado empeora un sistema que xa era malo porque “afonda na discrecionalidade e engade novas discriminacións, mantendo o fondo trampa de statu quo e creando un novo fondo climático "sen criterios obxectivos e partido da discriminación a Galiza”.