BNG chama desde Melide a participar masivamente no Día da Patria Galega
Néstor Rego asegura que a xornada é para celebrar que “a Galiza é unha nación” e para “reivindicar soberanía e dereitos nun mundo en Paz”
No acto tamén participaron a voceira municipal do BNG en Melide, Ana Mosteiro, e a representa de Galiza Nova, Alba Regueiro
O Bloque Nacionalista Galego realizou neste sábado en Melide un acto enmarcado na campaña previa ao Día da Patria Galega, en que o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, a voceira municipal, Ana Mosteiro, e a representante de Galiza Nova, Alba Regueiro, fixeron un chamamento á participación masiva para a manifestación nacionalista convocada para o vindeiro 25 de xullo en Santiago de Compostela.
Durante a súa intervención, Néstor Rego destacou que o 25 de xullo "é o día en que celebramos máis fervorosamente que somos galegos e galegas, que temos unha lingua, unha cultura e unha identidade propias, que somos unha nación", mais subliñou que tamén é "unha xornada para reivindicar capacidade de decisión para construír unha Galiza xusta, próspera, soberana e con futuro".
O deputado nacionalista, neste sentido, chamou á cidadanía a participar de maneira masiva na mobilización convocada en Santiago de Compostela, para reclamar "soberanía e dereitos nun mundo en Paz”, afirmando que canto máis forte sexa a voz do pobo galego nas rúas, “máis forza terá tamén a defensa dos intereses da Galiza".
Rego sinala que está demostrado que o BNG é "a única forza política que sempre pon por diante os intereses das galegas e dos galegos", tanto nas institucións galegas, nas Cortes do Estado ou no Parlamento Europeo, onde "cada iniciativa e cada voto teñen como única prioridade mellorar a vida da maioría social e defender os intereses do noso País".
Exemplificouno coa última votación levada a cabo no Congreso onde o BNG vén de conseguir un acordo para a transferencia da titularidade e de todas as competencias á Galiza da Autoestrada do Atlántico (AP-9). "Foi a capacidade de negociación do BNG a que permitiu desbloquear esta iniciativa e garantir unha transferencia con todas as garantías. Outros, a pesar de contar con máis representación, foron incapaces de conseguir ningún avance porque antepoñen os intereses dos seus partidos en Madrid aos intereses da Galiza" sinala o deputado nacionalista, que reafirma o compromiso do BNG de traballar até conseguir unha AP-9 “galega e sen peaxes”.
Neste sentido, insistiu en que a Galiza precisa avanzar para un maior autogoberno para poder decidir sobre os seus recursos e desenvolver políticas propias. "Non podemos continuar dependendo de decisións que se toman lonxe da realidade galega. Precisamos máis capacidade política para aproveitar todo o potencial do noso País, crear emprego, fortalecer os servizos públicos e garantir un futuro digno para as galegas e os galegos" afirma.
O deputado evidencia que, para conseguir ese obxectivo, “é necesario seguir fortalecendo o BNG, a única organización que defende a Galiza por riba de calquera outro interese".
Pola súa parte, Ana Mosteiro puxo en valor o papel do nacionalismo na comarca e animou a toda a veciñanza de Melide e da comarca a participar na mobilización do 25 de xullo, "unha cita fundamental para expresar o orgullo de sermos galegos e galegas e a vontade de construírmos un País con máis oportunidades para todas e todos".
Finalmente, Alba Regueiro salientou a importancia da implicación da mocidade na construción da Galiza do futuro e fixo un chamamento á participación da xente máis nova no Día da Patria, "porque o futuro do País depende tamén de que a mocidade se organice, participe e tome a palabra para defender unha Galiza con máis dereitos, máis oportunidades e máis capacidade para decidir por si mesma".