BNG chama ao resto de forzas a reaccionar como País contra unha proposta de financiamento que afonda na discriminación

Noa Presas

Noa Presas censura a crítica “timorata e estéril” do PP e insta a Rueda a botar os restos negociando directamente co Estado en defensa de Galiza  

Fronte a un sistema “centralista e egoísta”, o Bloque defende un cambio de modelo que dea aos galegos e galegas a chave dos seus cartos

O BNG vai presentar no Parlamento  unha batería de iniciativas para buscar o pronunciamento unánime de todas as forzas políticas en contra da proposta de financiamento do Goberno do Estado, que é lesiva para os intereses dos galegos e galegas e empeora o modelo actual, que “xa era malo” por discriminatorio e inxusto.

“Urxe reaccionar ante unha proposta inxusta que mantén a discriminación do noso País e urxe reaccionar ante a pasividade dun goberno da Xunta incapaz de defender Galiza”, asegurou a portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, que anunciou que o BNG vai impulsar unha postura unánime do arco parlamentario galego en defensa dun “trato digno, acorde coa nosa condición de nación e que acabe co infrafinanciamento dos servizos públicos”.

A proposta nacionalista pasa por que a Xunta cambie a súa “estratexia fracasada” e negocie directamente co Goberno do Estado porque, advertiu, “non abonda con quedarse na crítica timorata e estéril do PP”. “Galiza ten que botar os restos ante unha negociación que vai ser vital”, engadiu Presas, para quen “resulta sorprendente a crítica coa boca pequena que vimos estes días desde as filas populares”.

O Goberno de Rueda ten que escoller de que lado está, “do lado de Feijoo, de Génova e do centralismo ou do lado de Galiza”, afondou a deputada nacionalista, deixando claro que fronte á subscrición dun sistema de financiamento “centralista e egoísta” que se perpetúa coas forzas estatais,  o BNG aposta polo autogoberno cun modelo de concerto que dea ós galegos e ás galegas a chave dos seus cartos.

Censurou, neste punto, que a proposta do Ministerio de Facenda non supón ningún avance no autogoberno e que os incrementos no IRPF (+ 5 %) e do IVE (+6,5 %) son “anecdóticos e insuficientes para evitar ou compensar o espolio fiscal que sofre Galiza cada ano por parte do Estado”. Afondando nesta cuestión, recordou que no ano 2022 (último con datos definitivos de liquidación) o Estado recadou en Galiza por impostos estatais un total de 15.385 millóns de euros e só recibiu 10.041 a través do sistema de financiamento, o que supón un déficit fiscal de 5.344 M€.

Para a portavoz nacionalista de Facenda, a proposta feita polo Goberno central redúcese ademais a un “reparto de migallas”, empeorando criterios que para Galiza son fundamentais, como a dispersión (a súa ponderación redúcese do 0,6 ao 0,5%) e o avellentamento (a poboación de máis de 65 anos pasa do 8,5 pasa ao 7 %).  Ademais, do incremento global previsto (21.000 M€), Galiza só recibiría un 2,8 %, menos de 600 millóns “cando o propio Consello de Contas cifrou o déficit anual entre 1.000 e 1.500 millóns”, subliñou.

Discrecionalidade e escurantismo nos fondos statu quo e climático

O modelo proposto afonda así mesmo na “discrecionalidade e no escurantismo”, engadindo novas discriminacións por exemplo no fondo statu quo, que non se concreta, e no novo fondo climático, que non se sustenta en criterios científicos e no que de partida Galiza vai ter menos opcións malia a afectación da crise climática no sector primario ou nos incendios.

 “Da parte na que pode optar Galiza, non hai criterios obxectivos e científicos sobre o impacto da crise senón que se mantén o criterio de poboación axustada que nos prexudica”, explicou.

É por todo isto que Presas insistiu no rexeitamento do BNG á proposta presentada polo Goberno do Estado, unha proposta que, segundo dixo, confirma que “o centralismo é o peor inimigo de Galiza” e que, no que ten que ver con País, é froito do fracaso da Xunta do PP, que primeiro asinou un mal modelo no 2009, despois conformouse cun sistema caducado desde 2014 e recentemente rexeitou negociar “de ti a ti” co Executivo central pola súa submisión á estratexia de Génova.

“Perde quen non defendeu o seu”, sentenciou a deputada nacionalista, insistindo en que aínda hai “marxe de manobra” para loitar polos intereses de Galiza. De aí a urxencia, concluíu, de que Galiza reaccione de maneira conxunta contra un modelo que perpetúa anos de discriminación e infrafinanciamento para servizos esenciais como a sanidade ou a educación.