BNG censura os plans do Executivo de Rueda para o litoral cunha ‘axenda oculta’ que busca especular co dominio público

Luís Bará
A formación nacionalista organiza en Cangas un encontro con alcaldes e cargos institucionais no que presentará a súa proposta de xestión da costa

"A prioridade número un do PP de Rueda para o litoral é a privatización dos bens culturais da costa, un auténtico pelotazo para favorecer a determinadas empresas amigas”. Así o asegura o viceportavoz do BNG no Parlamento e responsábel de Medio Ambiente, Luís Bará, que denuncia a “axenda oculta” do Goberno de Rueda para especular co litoral unha vez que a Xunta asumiu as competencias neste eido.

Unha axenda oculta, advirte o deputado nacionalista, que leva parella “unha maior presión urbanística, turística e de actividades extractivas como a eólica mariña” que chocan con usos residenciais tradicionais e con actividades marítimo pesqueiras prioritarias na costa.

“A verdadeira axenda de Rueda para o litoral é a especulación en relación cos bens do patrimonio cultural, a intensificación da presión urbanística, a falta de previsión en relación ao cambio climático, e a desatención con respecto ás actividades económicas tradicionais, como a marisqueo, a pesca sustentable e a acuicultura extensiva”, afonda Bará, criticando deste xeito a aposta que fai o PP pola industrialización do mar e a eólica mariña.

Como alternativa á “falta de ideas” do Goberno do PP, que até o de agora practicamente se limitou a anunciar a ampliación da tempada dos chiringuitos na costa, o BNG  presentará a súa proposta “integral e ambiciosa” nun encontro que se celebrará o próximo mércores, 1 de outubro, en Cangas baixo a título ‘O noso mar, o noso futuro’ e ao que van asistir alcaldes e outros cargos institucionais do BNG.

A Axenda Galega do Litoral que o BNG presentará neste encontro, que contará coa presencia da portavoz nacional, Ana Pontón, inclúe, entre outras medidas, que Galiza asuma todas as competencias en relación co mar e a costa, como Salvamento Marítimo e Loita contra a Contaminación Mariña, centros de investigación oceanográfica, ISM, capitanías marítimas que dependen da Dirección Xeral de Mariña Mercante ou servizos meteorolóxicos.

A coparticipación dos concellos na xestión do litoral, o incremento de investimentos en materia de saneamento ou a blindaxe das actividades económicas da pesca e marisqueo e do complexo mar-industria son outras das medidas que inclúe a proposta nacionalista para a xestión do litoral.

Bará contrapón o modelo do BNG á “política de propaganda” e á “falta de ambición” do PP, constatada no “suposto cumio do litoral” que se celebrou o pasado 18 de setembro no Gaiás e que “rematou sendo un curutiño, pola falta de contido e de anuncios de relevancia.