Parlamento Galego

BNG censura o “exercicio de ilusionismo” do PP cuns Orzamentos que en realidade decrecen e recortan en servizos

Noa Presas
Noa Presas empraza a Corgos a corrixir as rebaixas fiscais para ricos e destinar máis recursos a sanidade, atención á dependencia ou ao ensino

A portavoz de Facenda do BNG, Noa Presas, cualificou de “exercicio de ilusionismo” o proxecto de Orzamentos para 2026, “un espellismo –asegurou– cheo de piruetas discursivas e numéricas e cheo de promesas repetidas para tapar a realidade: falta de impulso e falta dun proxecto político para dar a este País unha saída aos seus problemas en servizos públicos, en materia de desigualdade territorial ou para en transformación económica e industrial”.

Na primeira sesión da Comisión 3ª de Economía para presentar o proxecto de Presupostos, Presas criticou ao conselleiro Miguel Corgos a “falta de credibilidade” dunhas contas que, segundo anticipou, van sufrir modificacións e un problema de falta de execución, tal e como sucedeu nestes últimos anos.

Malia a propaganda do Goberno do PP, subliñou, son unhas contas que en realidade decrecen, posto que a suba anunciada (+2%, uns 286 millóns de euros de gasto non financeiro) non compensa o 2,7 % de inflación rexistrado en 2024, para o que farían falta case 120 M€ máis. “Iso ten unha repercusión na xestión da Administración e na prestación dos servizos públicos esenciais”, asegurou aludindo, entre outros, á sanidade, o ensino, a atención no fogar ou o sistema de atención á dependencia.

A deputada nacionalista explicou así mesmo que dos 276 millóns cos que se incrementan os orzamentos, 95 vanse destinar a pago da débeda, que para o vindeiro ano “volve ser a terceira gran consellería”. “Gastan vostedes máis no pagamento da débeda que en toda a Consellería de Política Social”, censurou, aproveitando para emprazar máis unha vez ao Goberno de Rueda a aceptar a quita negociada polo BNG no pacto de investidura, en torno a 4.000 millóns de euros.

“Negocien por Galiza no lugar de limitarse á estratexia electoralista do señor Feijóo”, díxolle ao conselleiro, a quen tamén instou a corrixir a súa política de rebaixas fiscais para ricos que permanecen nos Orzamentos de 2026, pudendo destinar así máis recursos á prestación dos servizos públicos. As rebaixas fiscais, lembrou, suporán deixar de ingresar nas arcas públicas 800 millóns de euros, e unha boa parte benefician exclusivamente ás rendas altas.

Respecto aos ingresos, durante a súa intervención para facer unha valoración xenérica dos Orzamentos, a portavoz de Facenda nacionalista puxo tamén o foco no “recortazo” que sofre a Consellería de Medio Ambiente: “É inaudito despois da maior crise de incendios da historia deste País e da evidencia de como avanza a crise climática”, apuntou.

Do mesmo xeito, puxo de relevancia que “practicamente se conxele” todo o que ten que ver co medio rural, máis cando “debería haber un cambio profundísimo de modelo.

“Desafortunadamente neste orzamento recortado e repetitivo permanecen moitas cuestións: rebaixas fiscais que deberían ser corrixidas, a hipoteca da débeda, a incapacidade de resolver a crise dos servizos públicos porque non hai vontade ideolóxica de facelo, e as debilidades económicas e industriais”, concluíu Presas.