BNG celebra que o Goberno rectifique e bonifique en 100% a liña AVANT Ourense-A Coruña

Estación Ourense
Estación Ourense

Néstor Rego demanda habilitar unha liña telefónica con atención en galego para que as persoas usuarias poidan obter información sobre as bonificacións na súa lingua, un dereito que recolle a lexislación vixente

“A rectificación é froito da constancia na denuncia dunha decisión que representaba unha nova discriminación para a Galiza” destaca o deputado nacionalista ante prevista aprobación nesta terza feira dun RDL que recollerá a medida

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar unha iniciativa para que o Goberno do Estado habilite información telefónica sobre as bonificacións de 100% para viaxeiros de ferrocarril recorrentes en galego e no resto de linguas oficiais do Estado, alén da habilitada en español e catalán. Así mesmo, Rego celebra a rectificación por parte do Goberno do Estado e a inclusión da liña AVANT Ourense-Santiago-A Coruña na bonificación de 100%, tal e como veu reclamando o BNG ao longo destes meses a través de iniciativas na cámara baixa e a mobilización nas tres cidades galegas afectadas.

A entrada en vigor das bonificacións de 100% no transporte ferroviario de cercanías e Media Distancia aos usuarios recorrentes aplícase de 1 de setembro a 31 de decembro de 2022. Para informar de como obter estas bonificacións, RENFE habilitou unha liña telefónica específica que quedou saturada case de maneira inmediata pola alta demanda, o que esta e está dificultando o acceso á información por parte das persoas usuarias.

“Alén do máis, esta liña telefónica está unicamente dispoñíbel en español e catalán, o que impide ás persoas falantes doutras linguas oficiais, como é o caso do galego na Galiza, solicitar a información na súa propia lingua, o que vulnera os seus dereitos lingüísticos” destaca o deputado do BNG no Congreso. Rego non entende cales son as razóns que levaron a que compañía ferroviaria non facilitase unha liña telefónica en galego e para o resto de linguas oficiais do Estado.

Neste sentido, a frente nacionalista explica que Renfe é un organismo público e na lei que a regula existe un apartado referido aos dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións Públicas onde se estipula que as persoas teñen o dereito de utilizar as linguas oficiais do seu territorio. “Entendemos que o Goberno do Estado debe rectificar e habilitar a posibilidade de acceder á información telefónica sobre os bonos tamén en galego mentres estes estean dispoñíbeis” afirma.

Boa rectificación: incluír na bonificación de 100% a liña AVANT

“O Goberno confirma que, tal e como veu reclamando o BNG, rectifica e incluirá a liña AVANT Ourense-A Coruña na bonificación de 100%” celebra o deputado nacionalista,  ante a previsión de que o executivo aprobe nesta terza feira a medida a través dun novo Real Decreto-lei. Rego lembra que esta boa noticia é froito “da constancia na denuncia dunha decisión que representaba unha discriminación para a Galiza”, sendo o BNG “a única forza política que o pediu a través de iniciativas no Congreso e actos de denuncia nas tres cidades afectadas”.

Paralelamente, incide na necesidade de continuar mellorando o servizo ferroviario na Galiza. “Débense dotar de medios materiais e humanos suficientes o servizo ferroviario no noso País, aumentar os servizos en liñas con alta demanda, reducir os prezos tamén cando finalicen as bonificacións e implantar as cercanías nas áreas urbanas e metropolitanas”, sinala Néstor Rego.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG