BNG celebra a declaración como BIC da Ponte de Cruzul após anos de traballo intenso: “co BNG, Becerreá e o patrimonio galego gaña”

Ponte de Cruzul

Néstor Rego celebra a aprobación no Consello de Ministros e Ministras declarar Ben de Interese Cultural a Ponte de Cruzul situada na N-VI

A organización nacionalista lembra que xa no pasado mes de novembro o Goberno incoara o expediente para declarar BIC a Ponte de Cruzul

Frente a pasividade e inacción das forzas estatais, Martín Gómez, voceiro municipal do BNG en Becerreá, destaca o incansábel traballo da organización nacionalista

O Bloque Nacionalista Galego celebra a declaración da Ponte de Cruzul como Ben de Interese Cultural (BIC) aprobado polo Goberno do Estado  no Consello de Ministros e Ministras. O deputado do BNG, Néstor Rego, e o voceiro do BNG en Becerreá, Martín Gómez, lembran o traballo incansábel da organización nacionalista para garantir a conservación, a protección e a posta en valor desta infraestrutura histórica.

A ponte, unha das infraestruturas patrimoniais máis singulares de Lugo e símbolo histórico do concello de Becerreá, atopábase nun evidente estado de abandono malia as constantes advertencias veciñais e as reclamacións impulsadas polo BNG desde hai anos.

“Un avance froito do traballo constante do BNG”

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, celebra a aprobación como BIC e subliña que este avance “non se explica sen o traballo constante, serio e rigoroso do Bloque Nacionalista Galego” tanto nas Cortes do Estado como no ámbito municipal.

“A declaración da Ponte de Cruzul como BIC é unha excelente noticia para Becerreá e para a defensa do patrimonio galego. Pero é, sobre todo, unha demostración de que, frente á pasividade das forzas estatais, o BNG traballa día a día para defender á Galiza e os seus intereses. Levamos anos reclamando a protección dun ben único, ligado á historia da comarca e do País, e por fin vemos unha resposta positiva” afirma Rego.

O deputado lembra que a ponte é “un exemplo extraordinario da enxeñaría civil do século XVIII, vinculada ao período neoclásico e á construción do antigo Camiño Real”, ademais de seren escenario de múltiples episodios históricos durante a Guerra da Independencia. “A súa declaración como BIC non só garante a súa preservación, senón que tamén permitirá un maior aproveitamento cultural e turístico para combater o despoboamento da comarca” engade.

Recoñecemento ao traballo local: “Protexer esta infraestrutura histórica”

O voceiro municipal do BNG en Becerreá, Martín Gómez, destaca tamén o valor desta decisión para o concello. “Levamos anos alertando do deterioro da ponte e reclamando actuacións inmediatas. Hoxe vemos como o traballo desde o ámbito local, sumado ao impulso determinante do BNG no Congreso, dá os seus froitos. A declaración BIC é a única garantía real para protexer esta infraestrutura histórica e evitar que continúe o seu deterioro” subliña o voceiro municipal.

Gómez tamén quere agradecer o papel das asociacións e veciñanza que levan anos defendendo este ben patrimonial. “A sociedade de Becerreá demostrou de novo que cando se defende o patrimonio con convicción, o esforzo vale a pena” destaca.