BNG carga contra o PP por querer negarlle á Galiza a quita da débeda
Néstor Rego acusa os populares de votar en contra dunha redución de 4.010 millóns de euros para a Galiza e de antepoñer os intereses do partido aos do País
O BNG lembra que conseguiu incorporar a especificidade galega para que a Galiza, que ten débeda coa banca privada, se poida beneficiar da quita
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, carga con dureza contra o Partido Popular por rexeitar a quita da débeda e, en particular, por intentar impedir que a Galiza se beneficie dunha medida –conseguida polo BNG- que permitiría reducir en 4.010 millóns de euros a débeda. Para o deputado nacionalista, a posición do PP supón un novo episodio de subordinación aos intereses do partido en Madrid no canto de defender os galegos e galegas.
Rego lembra que foi precisamente o BNG que conseguiu “incorporar ao Acordo de Investidura a especificidade galega para a quita da débeda”, garantindo que a medida non se limitase ás comunidades acollidas ao Fondo de Liquidez Autonómica (FLA), senón que tamén puidese beneficiar á Galiza, onde a débeda estaba maioritariamente contraída con entidades financeiras privadas.
“O PP xera unha débeda espectacular, facéndoo coa banca privada a pesar de ser máis gravosa. Agora votan en contra desa quita da débeda e Rueda négase a negociar bilateralmente co Estado un novo sistema de financiamento para a Galiza” denuncia Néstor Rego.
O deputado nacionalista denuncia a contradición do Partido Popular que durante anos incrementou de maneira considerábel o endebedamento da Galiza e agora se opón a reducila. "O PP di que non lle interesa a pesar de que a quita desa débeda suporía, no caso da Galiza, o 33%: 4.010 millóns de euros de 12 mil millóns" critica.
“Vergoña debería darlle aos deputados e deputadas do Partido Popular electos pola Galiza que votan en contra dos intereses dos galegos e galegas. Fixérono coa transferencia da AP-9 durante o debate e votación da proposición de lei e estano a facer coa quita da débeda conseguida polo BNG” recrimina o deputado do BNG.