O BNG baralla pedir a intervención da fiscalía ante a anunciada venda ilegal das centrais do Xallas
- Ana Pontón: “Alármame que Villar Mir publicite unha ilegalidade e non pase nada. Se persiste no seu silencio, a Xunta incorre en prevaricación”
A portavoz nacional, Ana Pontón, anunciou que o BNG baralla pedir a intervención da Fiscalía ante a pretensión de Ferroatlántica, -mesmo comunicada á CNMV- de proceder á venda das centrais hidroeléctricas do Xallas, e advirte que se o Goberno da Xunta insiste en ignorar esta pretensión ilegal pode incorrer en prevaricación.
“Feijóo, tan locuaz noutros temas, garda mutismo cando están en xogo centos de empregos na Costa da Morte en lugar de explicarlle a Ferroatlántica que non se van vender as minicentrais do Xallas. É moi mal sinal. Alármame que Villar Mir diga publicamente que vai facer algo que é ilegal, como di unha sentenza xudicial, e aquí non pase nada”, explicou Pontón na súa visita á central instalada no Ézaro onde mantivo un encontro cunha nutrida representación dos e das traballadoras.
Pontón puxo como último exemplo dese silencio o feito de que hoxe mesmo o PP vetara no Parlamento a proposta do BNG de aprobar un pronunciamento unánime da Cámara en contra da segregación e venda das centrais, “dando un paso atrás e demostrando a súa falta de compromiso co emprego na Costa da Morte”.
Na visita a Dumbría deixou claro que o BNG “vai remover Roma con Santiago” para evitar a venda, “auténtica espada de Damocles sobre o futuro da Comarca da Costa da Morte, porque todos e todas sabemos que se venden as minicentrais quedan en risco centos de traballo, por iso pedimos firmeza ante ao que sería unha ilegalidade”, explicou.
Pontón anunciou que o BNG volverá levar o asunto ao próximo Pleno porque é un tema clave para toda unha comarca “e queremos escoitar a opinión de Feijóo sobre a intención de Villar Mir de especular cun ben público deste país”, concluíu.