BNG avala as queixas de CIG e Anpas contra o intento da Consellería de Educación de impor a “censura” nas aulas
Cristina F. Davila: “Lonxe de querer implementar medidas reais de convivencia máis democráticas, estamos ante unha intención do PP de impoñer unha mordaza
Critica o “novo paso do Executivo galego do PP na deriva ás ordes do Partido en Madrid cara un achegamento aínda máis intenso ao ideario da ultradereita”
A portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila reuniuse este luns cunha representación da CIG e da Confederación Anpas Galegas para abordar a situación actual do ensino e para manifestarlles o apoio do BNG ás súas demandas sobre a calidade , que pasa polo aumento de efectivos, o recoñecemento do seu labor e a eliminación da censura, que a Consellería está a aplicar nestes momento dentro dos centros educativos.
“Lonxe de querer implementar medidas reais de convivencia máis democráticas, estamos ante unha pretensión do goberno do PP na Xunta que quere impoñer unha mordaza ao ensino e censurar todas as actividades que son organizadas dentro dos centros”, criticou.
Neste sentido, o BNG vén de rexistrar pola vía de urxencia unha iniciativa co obxectivo de incluíla xa neste próximo para preguntar se se van retirar as “medidas amordazantes” incluídas nas instrucións da Consellería para o vindeiro curso escolar tras a reacción inmediata de alarma das representantes das nais e pais do alumnado, dos sindicatos do ensino e do profesorado.
A urxencia motívase pola alarma xerada trala publicación o venres 13 de xuño da Resolución do 5 de xuño de 2025, da Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o desenvolvemento das ensinanzas de educación infantil, primaria, secundaria obrigatoria e bacharelato no curso académico 2025/26, na que se inclúen medidas de control ideolóxico nas actividades organizadas polos centros educativos.
Para a deputada nacionalista, esta medida de control para que as actividades que se realicen nas aulas conten con “neutralidade ideolóxica” —tal e como xustifica o PP pero sen que o conselleiro concretase en que vai consistir exactamente— “non é máis que un novo paso do Executivo galego do PP na deriva ás ordes do partido en Madrid cara un achegamento aínda máis intenso ao ideario da ultradereita. Un intento da Consellería de Educación de censurar ao profesorado e de coartar a liberdade nos centros de ensino a través de manter baixo control todo o que acontece dentro das escolas e institutos”, incidiu.
E isto acontece, denuncia, despois de que as comunidades educativas e sobre todo o alumnado, aborden temas como a instalación de Altri na Galiza, o xenocidio que está a sofrir a poboación Palestina ou a situación da lingua galega no ensino e no noso País, entre outros. “Precisamente iso é o que fai ao alumnado libre, crítico, con opinións plurais e con argumentos e valores democráticos”, afirmou. Cuestións nas que o PP no Goberno está a facer “políticas regresivas e prexudiciais para as galegas e galegos, mentres o profesorado debe exercer o seu dereito á liberdade de cátedra”, puntualizou.
Unha medida que esquilma parte das funcións do Consello Escolar
Por outra banda, estas medidas “amordazantes” poñen aos centros educativos nunha situación “incómoda e básicamente imposible”, ao ter que adiantar a comezos de curso todas as actividades que van realizar durante os trimestres do ano escolar, para que a administración educativa pase o rodete da censura. Ademais, esta cuestión estábase facendo xa a través do Consello Escolar de cada centro, que daba o seu visto e prace ás actividades que organizaba cada departamento. “Deste xeito este órgano será esquilmado novamente dunha parte das súas funcións e toma de decisións”, advirte a deputada.
Cristina Fernández lembra que a normativa educativa fomenta un ensino que forme a o alumnado en pensamento crítico, en valores e debate democrático, que sexa libre para manifestar as súas opinións con argumentos e respecto ao resto dos compañeiros/as e gozar dunha aprendizaxe integral entre os coñecementos e a situación social, económica, cultural e política que os envolve en cada momento. Só así poderemos ter unha sociedade plural, ben informada, crítica, solidaria, xusta, inclusiva e mellor para o futuro do noso País”, conclúe.