O BNG asume o compromiso público de converter os concellos que goberne nun contrapoder
Declaración política co lema Concello a concello, construíndonos a Galiza do S. XXI, co BNG como única alternativa nacionalista para o todo o país
Os concellos non poden ser vistos como illas, e esta gran nación está conformada por 314 municipios, non por un puñado de cidades, di Vence
Os concellos nacionalistas serán un verdadeiro contrapoder ás políticas de recortes e antisociais da dereita radical que en Galiza representa Feijóo, políticas devastadoras que padece a maior parte da cidadanía. Esas políticas non poden ter aliados nos concellos, e os concellos gobernados polo BNG serán absolutamente insubmisos, proclamou o portavoz nacional, Xavier Vence.
Concellos como baluarte contra a discriminación, en liña co que denominamos espírito de Riotorto, no que os gobernos nacionalistas se enfrontan ás políticas de repagamento de medicamentos, ás subidas nos centros de día e escolas infantís, a imposición de taxazos na recollida do lixo, enumerou Vence, convencido de que mesmo os votantes moderados do PP están absolutamente indignados cos recortes que deixan a miles de persoas na exclusión social.
Concellos libres de desafiuzamentos
A declaración política presentada na Coruña co candidato BNG-Asembleas Abertas Xosé Manuel Carril e cunha nutrida representación de candidat@s de todo o país, sintetiza nun decálogo a a acción común dos concellos nacionalistas tras o 24M.
O primeiro punto proclama concellos libres de desafiuzmentos, de tal xeito que ninguén será desafiuzado nun municipio gobernado polo BNG da súa vivenda habitual se ter unha alternativa.
Concellos comprometidos na loita contra a pobreza infantil e a enerxética, -garantindo o dereito aos servizos domésticos básicos-, concellos á vangarda das políticas de igualdade, plenamente implicados coa normalización do idioma propio, comprometidos coa cultura e co patrimonio do país.
Intolerancia coa corrupción
A declaración política inclúe a intolerancia absoluta coa corrupción, a oposición ao Tratado de Libre Comercio UE-USA que esnaquiza os sectores produtivos e recorta os dereitos dos consumidores, promover a autoorganización social e concellos orgullosos da nosa identidade colectiva.
Igualmente, a colaboración municipal fuxindo de visións localistas que lastran o desenvolvemento de Galiza como nación.
Porque, insistiu Vence, só o BNG presenta un proxecto nacionalista para o conxunto do país, disputando palmo a palmo o terreo a PP e PSOE en Galiza máis aló dun puñado de cidades.
Os concellos non son illas, dixo, o BNG ten unha alternativa de conxunto para o país porque Galiza non no é só sete cidades, senón 314 concellos que conforman unha gran nación. O proxecto nacionalista é para construír ese país noso e libre desde todos e cada un dos concellos galegos.