BNG aproba pola unanimidade do Senado medidas para solucionar a escuridade dixital que se producen en Tomiño
Da Silva Méndez saca adiante a iniciativa do BNG urxindo o Goberno a adoptar todas as medidas necesarias que permitan solucionar os problemas de desconexión
Ante os problemas de conectividade das zonas transfronteirizas entre Galiza e Portugal, o BNG sinala que “hai medios técnicos e recursos necesarios para resolvelos”
O Bloque Nacionalista Galego consegue aprobar por unanimidade na Comisión de Transformación Dixital do Senado unha iniciativa instando o Goberno do Estado a levar a cabo todas as medidas necesarias que permitan solucionar os problemas, desconexións e apagamentos derivados da escuridade dixital no municipio de Tomiño.
“A situación pouco mudou desde que se presentou esta iniciativa, en marzo do 2025. 24 núcleos de poboación, 50% da veciñanza de Tomiño, continúan a vivir nunha situación de absoluta escuridade dixital con problemas de desconexión e apagamentos” sinala a senadora do BNG durante a defensa da iniciativa. Estes problemas dificultan o día a día da veciñanza e mesmo empresas que, a día de hoxe están localizadas no termo municipal mais que están pensando en trasladar as súas sedes.
A alcaldesa de Tomiño, recorda Carme da Silva Méndez, puxo de manifesto nesta propia cámara a gravidade desta situación. “O Ministerio manifestou a súa preocupación mais pouco avanzou para resolver este problema a pesar de que hai medios técnicos e recursos necesarios para resolvelo” asevera a senadora nacionalista.
A pesar de que en maio de 2025 houbo unha reunión entre representantes do Concello de Tomiño co Ministerio de Transformación Dixital onde o Ministerio se comprometeu a presionar as operadoras e solucionar estes problemas, os problemas continuaron. “Curiosamente onte chegou un correo ao Concello de Tomiño comunicándolle avances para solucionar estes problemas e garantir a cobertura nas zonas transfronteirizas” ironiza a senadora nacionalista.
Ante esta situación, Carme da Silva Méndez consegue aprobar por unanimidade instar o Goberno do Estado a adoptar medidas específicas e concretas destinadas a solucionar os problemas de conectividade: “apagamentos, desconexións e deficiente cobertura de móbil derivada da escuridade dixital que sofren milleiros de habitantes das parroquias do concello de Tomiño”.
“Analizar fórmulas para mellorar a conectividade e a conexión á banda ancha nesta área transfronteiriza, estudando opcións existentes noutros países como modelos de infraestruturas compartidas” recolle a iniciativa do BNG aprobada no Senado. Ademais, insta o Goberno a “examinar a cobertura de telefonía móbil 4G ou 5G proporcionada polos operadores de telecomunicacións para comprobar se ten a calidade adecuada”.
Por último, a senadora nacionalista acepta engadir na moción “realizar, en colaboración coas entidades locais afectadas, unha avaliación independente, rigorosa e transparente da cobertura real de telefonía móbil e acceso a internet existente nas zonas rurais e transfronteirizas da Galiza”.