parlamento galego

BNG aposta por un novo modelo enerxético galego que xere emprego e evite o espolio dos recursos naturais para beneficiar ás grandes eléctricas

Noa Presas
Noa Presas defendeu un decálogo de medidas  para sentar as bases dun novo modelo eólico establecendo zonas de instalación e exclusión e poder gobernarnos a nós mesmos na xestión da enerxía

A portavoz de Enerxía do BNG, Noa Presas pediu ao goberno galego “unha rectificación” da súa política enerxética co fin de non seguir destruíndo emprego e beneficiando ás grandes eléctricas en detrimento dos recursos naturais de Galiza.

A moción defendida pola nacionalista, rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular, incluía  un decálogo de medidas para sentar as bases dun novo modelo eólico establecendo zonas de instalación e exclusión  e co fin, afirmou “de poder gobernarnos nós mesmos na xestión da enerxía”.

A deputada instou á Xunta de Galiza a “rectificar a súa política económica e enerxética” e apostar por un modelo lexislativo e organizativo que “corrixa a desregulación e desindustrialización”. Nesta liña, propuxo “retirar o anteproxecto de Lei de promoción dos beneficios sociais e económicos dos proxectos que utilizan os recursos naturais de Galiza”, e o  compromiso de  iniciar un diálogo político e social cara “un pacto de país” para o  novo modelo enerxético galego.

Nesta liña, tamén  indicou que urxe impulsar  unha mesa de traballo cos  diferentes sectores sociais, para elaborar  unha verdadeira estratexia de participación pública e
planificación enerxética abordando liñas de traballo centradas:  nun Mapa de ordenación das enerxías renovábeis, eólica e fotovoltaica, consensuando e planificando os obxectivos e someter  esta planificacións a avaliación ambiental e zonas de exclusión.

Por outro lado, afirmou que  é preciso  elaborar  “un  plan sectorial eólico para todo o territorio galego sometido igualmente a unha  avaliación ambiental”.

Noa Presas tamén demandou reclamar ao Goberno central a “totalidade de competencias en materia enerxética” singularmente a tramitación de calquera proxecto enerxético que se desenvolva en Galiza e supere os  50MW.

A deputada indicou que o canón eólico debe ser reformulado para adaptalo mentres non se  substitúa por outros mecanismos e atendendo á  potencia de xeración para determinar  a súa contía.

Entre as propostas, sumou  a  Estratexia específica para a repotenciación, estudando as zonas nas que é pertinente promover a substitución de
aeroxeneradores para aumentar a capacidade xeradora e vincular a  explotación eólica ao impulso de plans industriais asociados coa promoción da industria de compoñentes afincada no país.

Empresa pública de enerxía

A nacionalista volveu a reclamar a creación “dunha empresa pública de enerxía” que aglutine a participación pública do sector en todas as enerxías que teña como base, a
incorporación dos activos hidráulicos rescatables para o público.

Finalmente considerou prioritario  impulsar  “un  Centro para a competitividade e I+D+i en almacenamento de  enerxía, un  Polo de innovación e experimentación en enerxía que aglutine Universidades, centros de investigación e tecnolóxicos , INEGA e o tecido
empresarial para avanzar no  “desenvolvemento tecnolóxico, a electrificación da enerxía e a transferencia do coñecemento”.

A deputada afirmou que Galiza non pode seguir sendo a gran prexudicada  para que ao Estado lle dean as contas e lamentou que, unha vez máis, o Partido popular rexeitara as medidas propostas polo BNG para camiñar na senda dun “novo modelo enerxético a favor de Galiza”.