Parlamento Galego

BNG alerta de que o modelo mixto do PP das brigadas helitransportadas pon en risco a vida dos traballadores e das traballadoras

Montse Valcarcel
Montse Valcárcel aposta por un modelo cen por cen público e pola prevención para evitar converter Galiza nunha auténtica polvoreira

A portavoz de Montes do BNG, Montse Valcárcel, criticou o modelo de xestión mixto das brigadas helitransportadas do Goberno do PP por poñer en risco a vida dos e das traballadoras e por restar eficacia ao operativo de extinción, acusando o PP de converter o servizo de prevención e extinción de incendios nun negocio para as empresas privadas.

Despois do accidente sufrido o pasado 14 de setembro por cinco brigadistas da base helitransportada de Castromaior, no incendio de Barreiros, en Lugo, no que persoal de entre 24 e 29 anos sufriron queimaduras de segundo grao, a deputada nacionalista apremia un cambio de modelo de contratación cen por cen público que garanta, tanto condicións dignas dos traballadores como a eficacia do operativo de extinción.

“Este accidente non é un feito illado, senón a consecuencia directa dun modelo de xestión atomizado, improvisado e inxusto que combina brigadas con brigadas privatizadas, xerando desigualdade, precariedade e risco para quen loita contra o lume”, afirmou.

Segundo explicou, o modelo mixto que a Xunta mantén e favorece desde o Goberno de Núñez Feijóo en 2012 , conta na actualidade con doce brigadas helitransportadas, das cales seis son xestionadas directamente pola Xunta e as outras seis están en mans de empresas privadas. Valcárcel salientou as notables diferenzas laborais e salariais entre unhas e outras xa que, mentres o persoal público percibe ata 1.800 euros mensuais e conta con contratos anuais, vacacións e festivos remunerados, o persoal das brigadas privatizadas cobra entre 1.200 e 1.500 euros, con contratos de catro a seis meses e sen dereitos laborais básicos. Esta precariedade tradúcese nunha alta rotación de persoal e nunha falta de experiencia que se volve crítica cando se enfrontan incendios de alta intensidade, advertiu.

Valcárcel lembrou que no verán de 2024, unha vez rematada a temporada de alto risco, a Consellería retirou os helicópteros das bases públicas de Marroxo, Campiño e Vilamaior, mentres mantivo a pleno rendemento as xestionadas por unha empresa privada. Ademais, segundo indicou, aumentouse a duración do contrato das empresas privadas, encargándolles tamén tarefas de prevención.

Facéndose eco das denuncias do sindicato CIG, a deputada subliñou que en 2025 houbo ata catorce chamamentos urxentes para cubrir máis de 550 prazas, moitas delas en pleno mes de xullo, o que provocou que persoal con apenas días de experiencia e só 16 horas de formación tivese que combater incendios de quinta xeración. “É unha temeridade”, expresou.

A deputada lembrou que a Xunta está a incumprir as súas propias obrigas legais, xa que a formación do persoal debe ser retribuída e realizada dentro da xornada laboral. Citou como exemplo o modelo catalán, onde o persoal novo permanece seis meses en formación percibindo o salario completo.

Ademais, indicou que as condicións de traballo seguen a ser extremadamente duras, con xornadas de ata doce horas, falta de medios, ausencia de substitucións por baixas ou vacacións e o uso de brigadas municipais non profesionais e con contratos de tres meses para catro ou cinco persoas e sen medios axeitados. Brigadas, que, recalcou, pasaron de 263 en 2016 a apenas 151 en 2023.

 

Avance cara a un servizo de prevención e extinción 100% público

A deputada nacionalista deixou claro que “no verán de 2025 comprobouse claramente cal é o resultado desta xestión fracasada” do modelo mixto que implementou a Consellería, no que os tempos de reacción aumentaron significativamente, elevando o risco de  incendios de gran magnitude e a sinistralidade do persoal.  

Por iso lle reclamou ao PP avanzar cara a un servizo de prevención e extinción de incendios totalmente público, con persoal propio, parque móbil axeitado e capacidade para intervir en multiemerxencias no medio rural e natural. Tamén é preciso o desdobramento das brigadas con xornadas de dez horas que permitan o dobre de cobertura por xornada. “Isto non é un capricho, é unha esixencia de seguridade laboral e de eficacia operativa”, alegou.

Finalmente, advertiu de que o modelo de defensa contra incendios non pode funcionar sen unha verdadeira política de prevención. A deficiente xestión da biomasa forestal, o despoboamento demográfico e a ausencia dunha planificación territorial efectiva están a converter Galiza nunha “auténtica polvoreira”. É urxente, dixo, actualizar os plans de prevención e defensa contra incendios forestais dos distritos, que levan sen revisarse desde 2009, e garantir que a elaboración do PLADIGA se negocie cada ano co persoal afectado, xa que inflúe directamente nas súas condicións laborais e na súa seguridade.