BNG alerta do aumento exponencial de seguros privados ante a falta de opcións na sanidade pública debida ás políticas do PP
Montse Prado subliñou que os e as galegas destinan 647,14€ ao ano á sanidade privada, a segunda que máis inviste do Estado
Esixe ao PP a reversión dos concertos sanitarios con entidades privadas e o reforzo e dotación de recursos para a sanidade pública en Galiza
A portavoz de Sanidade do BNG no Parlamento, Montse Prado, esixiulle ao PP reverter a súa política de privatización da sanidade pública galega, poñendo en marcha as medidas precisas para a reversión dos concertos sanitarios con entidades privadas. Así mesmo, reclamoulle tomar todas as medidas necesarias para aumentar a capacidade resolutiva do sistema público de saúde, dotándoa con recursos propios para diminuír ao mínimo, e con motivación xustificada, a derivación de pacientes a entidades privadas.
Na súa exposición na Comisión 5ª, a deputada nacionalista alertou do aumento exponencial de seguros privados ante a falta de opcións na sanidade pública e subliñou que os galegos e galegas deixan ao ano 647,14 euros na sanidade privada, sendo Galiza a segunda que máis inviste do Estado.
A iniciativa do BNG susténtase no recente informe do Ministerio de Sanidade “Avaliación da sanidade privada no sistema sanitario no Estado español”, de decembro de 2025, que ofrece unha análise detallada da evolución, dotación , actividade e financiamento dos sistemas sanitarios público e privado no conxunto do Estado. Uns datos que, segundo afirmou Prado, non fan máis que confirmar o que O BNG leva denunciando: “que o aumento de recursos públicos cara a sanidade privada non ten mellorado a calidade asistencial senón a conta de resultados das entidades privadas.
Afondando no “deterioro continuo asistencial do público”, Montse Prado referiuse aos 200 concellos que non contan con ningún pediatra, ás 20.000 persoas máis en lista de espera que hai un ano —378.749— , ao recorte acumulado de case 1.700 millóns de euros en Atención Primaria, que conta co menor número de prazas de persoal médico dos últimos 15 anos, ou a que Galiza é a cuarta pola cola que peor paga os seus profesionais. Así mesmo, segundo o informe do Barómetro Sanitario, cada vez existe unha percepción de peor atención sanitaria pública e a media de espera para ser atendidas en Atención Primaria é de case nove días, en moitos casos, de semanas.
Ante a falta de avaliacións e informes da Xunta de Rueda “para non enfrontarse a esa realidade diaria”, a deputada incidiu no que se desprende do informe do Ministerio, como o aumento na última década da penetración dos centros sanitarios privados baixo o paraugas da sanidade pública, mentres que os procedementos de máis alto custo se realizan case na totalidade en centros públicos.
Entre os datos máis destacados figura o crecemento dos seguros privados —un 166% entre 2018 e 2024— situándose xa no 24% da poboación; que o 40,1% das altas hospitalarias privadas son financiadas con fondos públicos, que o 50,7% das cirurxías maiores ambulatorias en centros privados tamén se sufragan con diñeiro público ou que Galiza é das comunidades con maior proporción de equipamentos de alta tecnoloxía diagnóstica —resonancias magnéticas, TAC— en centros privados concertados.
Segundo indicou Prado, o propio informe do Ministerio, baseándose en numerosos estudos científicos, advirte que non existe evidencia favorable á privatización de servizos sanitarios en termos de eficiencia e calidade. Pola contra, os modelos de xestión pública directa adoitan presentar mellores resultados mellores resultados en saúde desde unha perspectiva de equidade, así como un uso máis eficiente dos recursos.
“Cantos máis cartos se destinan á sanidade privada, peor está a sanidade pública” expuxo, criticando o PP porque, na vez de destinar recursos para reforzar centros públicos, a Xunta de Rueda destínaos “a reforzar os centros privados que buscan o negocio e o lucro, non mellorar a calidade asistencial”, concluíu.
O PP votou en contra da iniciativa do BNG.