BNG alerta do aumento alarmante da adicción ao xogo entre a mocidade e esixe explicacións ao PP sobre a eficacia da lei do xogo
Iago Suárez recrimina a falta de ambición do Goberno de Rueda á hora de limitar o acceso ás máquinas comecartos ou de regular as criptomoedas
O deputado do BNG, Iago Suárez preguntou na Comisión de Sanidade sobre a estratexia que ten o Goberno do PP na Xunta ante o preocupante aumento do risco de adicción ao xogo entre a mocidade galega o que demostra que a Lei do Xogo aprobada en 2023 non está funcionado. Recriminoulle ao Goberno de Rueda a súa falta de ambición á hora de limitar o acceso ás máquinas comecartos ou de regular as criptomoedas ás e os menores de idade.
A iniciativa do deputado nacionalista vén xustificada pola publicación do Informe sobre adiccións comportamentais 2024, que revela datos alarmantes: o 17,7% da mocidade galega de entre 14 e 18 anos asegura ter apostado diñeiro de forma presencial, e un 10,7% fixérao tamén de maneira online. Estes datos evidencian que unha parte significativa da mocidade está accedendo a xogos de azar malia a prohibición legal para menores de idade.
O informe destaca ademais que un 4% do alumnado que xoga recoñece ter un “uso problemático” do xogo, o que os coloca nunha situación de alto risco de adicción. A isto engádese a crecente atracción que exercen as criptomoedas sobre a xuventude, converténdose tamén nun factor de risco. Neste senso, emprazou a Xunta a “ser máis ambiciosa, dar un paso máis aló e facer unha regulación das criptomoedas”.
Ante esta situación, Suárez demandou explicacións ao Goberno galego sobre a eficacia da Lei do Xogo de Galiza, aprobada en 2023. “É unha lei pouco ambiciosa, chea de eivas que o BNG xa denunciara na súa tramitación parlamentaria, na que presentara 46 emendas ao texto legal que recollían demandas das asociacións de pacientes e de familias de persoas que sofren ludopatía, das que só foron aceptadas un número pírrico”.
Ademais, lembrou que a propia Consellería de Sanidade realizara alegacións ao propio anteproxecto de lei solicitando a implantación de actividades preventivas e de asistencia ás persoas con problemas de xogo, incluído o cribado de pacientes en situación de risco e propuxera tamén limitar o acceso nas máquinas de aposta na hostalaría de xeito análogo ao que sucede coas máquinas de tabaco.
Propostas que “ficaron en baleiro e que cremos que se poderían polo menos estudar”, apuntou, recordándolle ao PP que a actualización da Lei do xogo—feita en 1985— fora un exemplo de “non-axilidade lexislativa” posto que, desde que se iniciaron os trámites no 2018 e se aprobou, pasaron cinco anos, mentres que, para outras, como a da Crtvg, se actualizou en cuestión de semanas “pasando rodillo”, sen consensuar nada cos grupos parlamentarios.
Advertiu que a norma non é quen de frear a participación de menores en xogos de azar, o que supón unha grave ameaza para a saúde pública. “Desde que se aprobou a lei, ven vostedes menos máquinas hostalaría?” preguntou, engadindo que, ao non existir ningún tipo de control de acceso para menores de idade, é aí onde “se crean os problemas de ludopatía!” que, “destrozan familias”.
Para Suárez, a solución debe partir dun debate para “mudar a lei” e crear a partir de aí mecanismos para intentar que as persoas menores de idade teñan algún tipo de retención para non chegar tan facilmente ao xogo.”
Diante das repostas do PP, o deputado nacionalista dixo que o problema non radica tanto nas casas de apostas ou nos bingos e casinos, senón nos locais de hostalaría porque a facilidade de acceso é “absoluta”. Así mesmo, sinalou que lle parecen poucos os 300 metros de distancia desde un centro de ensino até os locais de apostas ou xogos aos que o PP se referiu, e propuxo alomenos 500.
O deputado nacionalista emprazou o PP a, ademais de limitar as posibles novas máquinas comecartos, a actuar sobre as case 11.000 que xa existen na actualidade nos locais de hostalaría, lembrando que “permitir o xogo de azar a menores é unha infracción moi grave” e que a Xunta “sanciona coa menor multa posible”, recriminou.
En definitiva, o BNG reclama accións urxentes e efectivas para atallar esta situación e poñer freo a unha problemática que ameaza o benestar e o futuro de moitas mozas e mozos galegos.