Senado

BNG alerta da intención do PP de negar o dereito da cidadanía a ser atendida en galego

Carme da Silva

Carme da Silva sinala que os populares pretenden eliminar do Proxecto de Lei de atención á clientela as achegas conseguidas polo BNG durante a súa tramitación no Congreso

A organización nacionalista conseguira garantir a atención á clientela en todas as linguas oficiais do Estado

A senadora do BNG denuncia tamén o borrado da linguaxe inclusiva dentro do Proxecto de Lei que intenta perpetrar o Partido Popular

A senadora do BNG, Carme da Silva, denuncia un novo intento do Partido Popular de negar o dereito da cidadanía a ser atendida en galego, cuestión que logrou introducir -entre outras forzas políticas- o BNG durante a súa tramitación no Congreso. Para a organización nacionalista é “toda unha declaración de intencións” e cualifica as emendas populares como “un novo ataque ao galego” e a negación dos dereitos lingüísticos da sociedade.

Durante a tramitación do Proxecto de Lei de atención á clientela no Senado, a representante do BNG denuncia o intento do Partido Popular para negar o dereito da cidadanía a ser atendida en galego e no resto de linguas oficiais do Estado. No concreto, as emendas dos populares pretenden que só as empresas que teñan a súa sede, delegación ou centro de prestación de servizos na Galiza deban atender en galego.

“Unha das aportacións do BNG a este Proxecto de Lei foi incorporar o respecto aos dereitos lingüísticos da cidadanía. O texto que saíu do Congreso incorpora -por iniciativa do BNG- o deber das empresas a atender e responder as consultas, queixas, reclamacións e incidencias na mesma lingua en que se fixese a comunicación inicial” subliña a senadora do BNG.

As empresas, recorda Carme da Silva, tamén deberán asegurar que os servizos de atención á clientela dispoñan dos medios humanos, técnicos e organizativos necesarios para garantir o uso das linguas oficiais do Estado, sexa cal for o modo en que se preste o servizo.

“O Partido Popular pretende negar o dereito da cidadanía a ser atendida en galego. Non queren admitir que o Estado español é plurinacional e plurilingüe” denuncia Carme da Silva.

As melloras impulsadas polo BNG supoñen un avance substancial na defensa dos dereitos lingüísticos incorporando á lexislación estatal principios que recoñecen a diversidade lingüística e a protección das persoas consumidoras. Estas modificacións “garanten que a cidadanía galega poida exercer os seus dereitos lingüísticos nas relacións de consumo, sen ser discriminada pola lingua, e avanzan cara a un modelo de atención máis humano, accesible e respectuoso” sentenza Carme da Silva.

Así mesmo, a senadora do BNG recrimina a actitude involucionista e machista do Partido Popular a respecto da linguaxe inclusiva: “pretende eliminar toda referencia a este tipo de linguaxe, utilizando a forma masculina como xenérica e incumprindo a lei 3/2007 para a igualdade efectiva de mulleres e homes que estabelece ” denuncia.