BNG afronta as municipais convencido de que será a forza que máis medre e co reto de ampliar gobernos e representación
Pontón basea o éxito do modelo municipal do Bloque en gobernos eficaces na xestión, con proxectos de vangarda, que practican a transparencia e a participación democrática
Insta a seguir aumentando a base social para liderar un proxecto de País no primeiro cumio municipalista de cara ás eleccións locais de 2027
A portavoz nacional, Ana Pontón, participou no primeiro cumio municipalista que o BNG ten programados de aquí a final de ano de cara ás eleccións municipais do 23M de 2027, que a formación nacionalista afronta desde o convencemento de que será a forza política que máis medre e co reto de aumentar os gobernos locais e a súa representación en todo o País.
“O noso obxectivo é moi claro, queremos conseguir máis concellos gobernados polo BNG e aumentar a nosa representación municipal con máis concelleiros e concelleiras ao longo e ancho do País, desde o convencemento de que seremos a forza política que máis suba o próximo 23 de maio, demostrando que aquí está un BNG imparable que segue en ascenso”, proclamou Pontón.
Con este obxectivo, instou a traballar con planificación, con anticipación e con contacto directo coa cidadanía coa folla de ruta marcada e que o Bloque está cumprindo con paso firme, tanto coa elección de candidatos e candidatas das sete cidades, como coa celebración de encontros municipais que comezou hoxe cun primeiro cumio de alcaldes e alcaldesas.
Elas e eles, alegou, son a cara máis visible da política municipal de calidade do BNG que demostra día a día que “hai outra forma diferente de entender Galiza e unha forma distintas de facer polítia” e que representa “o mellor aval” para pedir a confianza da veciñanza para “seguir ampliando a base social e electoral dun BNG que aspira a liderar o País”.
“Pensamos os concellos en grande e o demostramos alí onde gobernamos que é posible aplicar un modelo municipal diferente, pensado desde e para Galiza, que mellora a vida das persoas”, remarcou, para destacar a continuación as catro claves sobre as que o Bloque basea o seu modelo transformador.
A primeira, a confianza no País, dado que nos gobernos municipais do BNG non hai lugar para o pesimismo nin para poñerse límites porque saben do “gran potencial” que ten Galiza e a súa xente.
A segunda clave é a aposta por proxectos de vangarda para dar solucións e avanzar ante retos como, exemplificou, o cambio climático, a transición enerxética, a mobilidade sustentable ou a defensa dos servizos públicos. “Pensade en cantos concellos estaban en decadencia e unha vez que colleron unha Alcaldía do BNG pasaron a ser un referente”, reflexionou.
En terceiro lugar, apuntou á eficacia na xestión, con gobernos transparentes e eficientes que saben xestionar ben cada euro público e que xeran dinamismo económico -apostando polo tecido empresarial local, polo comercio de proximidade e por infraestruturas que aportan competitividade-, dinamismo social -coa defensa dos servizos públicos e o desenvolvemento dunha mobilidade que transforma en positivo- e dinamismo cultural -confiando no talento dos creadores e creadoras do País, desde o orgullo da lingua e a cultura propias-.
Por último, a portavoz nacional sinalou á democracia e a participación como a cuarta clave dos gobernos municipais do BNG, gobernos “profundamente democráticos” que fomentan a participación da veciñanza e que ofrecen un trato igualitario a todas e todos os veciños, sen favoritismo algún.
“Este é o modelo que queremos estender por toda Galiza e con ese obxectivo enfocamos a vindeira cita do 23M”, avanzou Pontón, quen recordou que o Bloque está no mellor momento da súa historia en apoio social e electoral, cunha organización forte e implantada en todo o territorio, e é referente de bo goberno no municipal porque “mellora a vida das persoas, xestiona con eficacia cada euro e transforma en positivo con políticas innovadoras, de vangarda e pensadas desde e para Galiza”.
A líder nacionalista exemplificou esa capacidade transformadora nas políticas medioambientais, onde os gobernos BNG son referencia inequívoca na xestión dos residuos, no ciclo da auga, na defensa do territorio, na recuperación do patrimonio natural ou na redución das emisións de CO2 a través dunha mobilidade sostible.
Neste sentido, citou como exemplo de boas prácticas a compostaxe, a mobilidade centrada nas persoas, os modelos de colaboración coas Comunidades de Montes Veciñais en Man Común para unha xestión sustentable e multifuncional do monte, a aposta polos parques forestais, a recuperación de ríos ou a posta en valor do patrimonio natural e paisaxístico.
Solucións eficientes que tamén se poden apreciar no abastecemento da auga, o aforro enerxético, no transporte público, no comercio de proximidade ou nun turismo sustentable. “Son exemplos que definen a xestión política dos concellos BNG, demostrando a capacidade que temos para transformar desde o local”, resumiu.
Pontón remarcou que os gobernos municipais do Bloque entenden a terra como un sinal de identidade dos galegos e das galegas e, polo tanto, comprométese a adoptar todas as medidas necesarias para actuar na súa defensa e protección, fronte ás políticas depredadoras da Xunta e doutras Administracións que supoñen unha agresión directa ao territorio, á economía e á calidade de vida. De aí o posicionamento para frear proxectos tan agresivos como os de Altri ou Ence, a macrominería ou os parques eólicos indiscriminados, afondou.
Exemplos todos eles que, resumiu, son e serán a carta de presentación dos gobernos liderados polo BNG nos concellos do País e que demostran cada día que hai outra forma de gobernar máis próxima, máis eficiente e máis comprometida coa defensa da terra, do medio ambiente e do territorio.
“O que facemos en cada concello é un exemplo do que queremos para todo o País, unha Galiza máis igualitaria, máis moderna, máis respectuosa co territorio, máis innovadora e orgullosa da súa identidade”, sintetizou para concluír que o Bloque vai saír con este proxecto “a por todas de cara ás vindeiras eleccións municipais”, convencido de que é “unha alternativa gañadora e que quere gañar a hexemonía política e social do País, que tamén pasa polos concellos”.