BNG advirte que a nova lei de auga do PP incrementará até “doce veces” as taxas dalgúns concellos

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará anuncia una emenda  de devolución á Lei “sablazo” da auga  que nace cunha clara “vontade recadatoria” e pon en risco os orzamentos municipais pola obriga de novas obras

O BNG anuncia  unha emenda de devolución ao proxecto de Lei de Mellora de Xestión do Ciclo Integral da Auga por que representa “un sablazo” para os concellos, familias e empresas e incrementa as taxas  “até 12 veces” nalgúns concellos nun momento de gran incertidume económica.

O portavoz de Infraestruturas e Medio Ambiente do BNG, Luís Bará afirmou ante os medios de comunicación, que o proxecto de lei do PP é “unha imposición” e criticou á Xunta por non atender as alegacións dos concellos e as recomendacións do Consello Económico e Social (CES). Ademais, dixo, pode  crear  “conflitividade” entre a Xunta e os concellos por “invasión  de competencias”.

En rolda de prensa, Bará explicou que o proxecto de lei non contempla a realidade galega, o cambio climático e o contexto económico actual. Neste sentido, lembrou que o proxecto lexislativo foi elaborado hai un ano, nunha situación na que a crise económica non alcanzara o actual 10,5% do IPC. A proposta foi aprobada o 10 de marzo en consello da Xunta e por estas razóns, recalcou é preciso “retirar o proxecto ” e iniciar un novo texto a través “dun amplo diálogo” cos axentes implicados.

O nacionalista subliñou que a nova lei da auga do PP nace cunha “clara vontade recadatoria” e puxo como exemplo algúns dos 37 concellos con 28 depuradoras xestionadas pola Xunta que verán incrementadas as súas taxas de 5,8M€ a 12,4 millóns de euros ao ano aplicadas  aos contribuíntes. Nesta liña nomeou o concello de Gondomar que pasa de pagar 44.000 euros a 505.000, “doce veces máis”, Ribadeo de 143 mil euros a 407.000 a  suba dun millón 600 mil euros sobre a depuradora de Praceres en Pontevedra.

Ao incremento  das taxas sumou as obras que a Xunta obriga  a acometer  nos concellos, “até nove” nun prazo de cinco anos e que comprometen gravemente os orzamentos municipais.

Bará insistiu en que o proxecto de lei “foi feito por imposición” polo que volveu a reclamar a retirada do texto e un   “amplo diálogo” aproveitando as liñas avanzadas xa no Pacto da Auga.

Para o deputado, “o responsable e prudente” é retirar o proxecto. Estamos, dixo, ante un “goberno zombi, sen cabeza, desconectado da realidade e irresponsable” e non é o momento de poñer en marcha unha lei que representa “unha grande presión fiscal”. Ao este respecto, engadiu que Feixóo avoga por baixar os impostos pero ao tempo tenta unha lei da auga que vai na dirección contraria

O PP, unha pota de presión

A preguntas dos xornalistas sobre o proceso de sucesión de Núñez Feixóo, o nacionalista afirmou que neste momento, “o PP é unha pota de presión” e nos vindeiros congresos quedará aínda máis patente. Galiza leva tres meses sen goberno e cun presidente “ausente” e pasando a maior parte do seu tempo en Madrid e ocupado noutras cousas  e mentres tanto, os galegos e galegas  ante “ un desgoberno na  maior crise económica dos últimos 40 anos”.

Para o deputado “a sucesión de Feixóo non está encauzada” máis ben, estamos ante “un cese de hostilidades” e “unha saída en falso”. Por outra parte, o relevo non vai ser tan directo como pretendía o propio Feixóo porque reflicte unha loita polo poder e un reparto entre as baronías. Estamos, dixo, nun período de “inestabilidade” e o PP, neste momento é unha caldeira en ebulición, “unha pota a presión”.

Estamos a vivir, “un período de decadencia do PP na Xunta”, nun fin de ciclo e ante a necesidade de “abrir un  tempo novo” representado polo BNG e “liderado por Ana Pontón”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG