BNG advirte do colapso das novas seccións de Violencia sobre a Muller en Santiago e Ourense

Iago Tabarés

Iago Tabarés exixe á Xunta que se implique para evitar a "irracional comarcalización" que obrigará ás vítimas a desprazarse longas distancias 

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Iago Tabarés, advertiu esta mañá na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior do Parlamento, que as novas seccións de Violencia sobre a Muller en Santiago e Ourense nacerán "colapsadas" e suporán un "grave prexuízo" para as vítimas. Baseándose nos últimos datos dispoñibles, Tabarés destacou que estas unidades xudiciais asumirán unha carga de traballo "moito superior á razoable", o que dificultará o acceso á xustiza e aumentará o risco de revitimización.

Segundo os datos de 2024 e o primeiro trimestre de 2025, o Tribunal de Santiago tería que xestionar 1.265 asuntos de violencia de xénero, 170 civís e máis de 2.100 casos contra a liberdade sexual. En Ourense, a cifra ascendería a 1.140 asuntos de violencia, 141 civís e uns 1.280 de violencia sexual. Ademais, a extensión da xurisdición a múltiples partidos xudiciais obrigará ás vítimas a desprazarse a localidades alleas ao seu entorno, como Ribeira, Noia, Verín ou Bande, "nun momento de especial vulnerabilidade". 

Tabarés criticou que a decisión se tome "dende un despacho en Madrid sen coñecer a realidade dos territorios", e reclamou á Xunta que exerza as súas competencias para rectificar este "erro". Tamén denunciou que a creación destas seccións se fai á costa de suprimir prazas necesarias nos xulgados de instrución de Vigo e A Coruña, o que agravará a saturación xudicial. 

"Non é aceptable que Galiza, cunha media de 12 prazas xudiciais por cada 100.000 habitantes —fronte ás 18 da media europea— siga a recibir solucións improvisadas que non responden ás necesidades reais das vítimas", concluíu o deputado, demandando un incremento real da planta xudicial e a implantación de gardas de 24 horas nos xulgados de instrución.