BNG advirte do abandono do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo por parte da Xunta
A deputada e portavoz de Educación do BNG, Cristina Fernández Davila, advertiu hoxe na Comisión 4ª de Educación e Cultura que as novas instrucións da Consellería para o curso 2025/26 supoñen un “retroceso gravísimo nos dereitos do alumnado NEAE”, ao limitar os apoios de especialistas de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe só ao alumnado con certificado de discapacidade.
Segundo explica Fernández Davila, “a Xunta crea cidadáns de primeira e de segunda, desprotexendo a milleiros de estudantes que, malia teren informes de orientación e médicos, quedan excluídos do dereito a contar con recursos e reforzos que garanten a súa aprendizaxe en igualdade de condicións”.
A deputada lembrou que a Orde do 8 de setembro de 2021 recoñece a atención á diversidade como un dereito básico, mais “o PP decide saltala pola porta de atrás, cargando máis burocracia sobre os departamentos de orientación e deixando a decisión de apoios a unha comisión política”.
Fernández Davila subliñou tamén que a Xunta destina máis de 330 millóns anuais ao ensino concertado e 30 millóns ao profesorado de relixión, mentres recorta en apoios no ensino público, onde se atopa case a totalidade do alumnado con necesidades específicais de apoio educativo (NEAE). Sinalou que non se convocaron as 142 prazas de atención preferente de PT e AL, deixando ao alumnado con graves dificultades de comunicación sen un seguimento axeitado.
Engadiu que as ratios continúan a ser elevadas en primaria e ESO, “con aulas masificadas e profesorado desbordado, o que deriva en baixas por ansiedade e depresión que agravan a situación”. Ademais, destacou que faltan dispositivos electrónicos comunicadores e recursos básicos para o alumnado que os precisa, malia seren demandados reiteradamente polos centros.
“O PP na Xunta presume dunha inclusión do 94%, pero para eles inclusión significa só sentar nunha cadeira co resto da clase, nada máis”, denunciou a deputada nacionalista, quen advertiu de que “o curso comeza cunha mensaxe clara do Goberno galego: eliminación de dereitos e abandono do alumnado máis vulnerable”.
Por todo isto, o BNG reclamou a retirada inmediata do punto 36.2.c das instrucións do curso 2025/26 e exixiu a incorporación do profesorado e especialistas necesarios, así como a dotación de material e dispositivos de apoio, para garantir unha atención educativa xusta e de calidade a todo o alumnado NEAE.