BNG adianta o seu non rotundo ao teito de gasto do Goberno de Rueda porque suporá novos recortes nos servizos públicos

Noa Presas

Noa Presas ve na proposta do PP unha “tapadeira” do seu servilismo a Génova para non negociar un sistema de financiamento xusto para Galiza

A deputada e portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas,A deputada e portavoz de Facenda do BNG no Parlamento, Noa Presas, anticipou hoxe o “non rotundo” da formación nacionalista ao proxecto de teito de gasto presentado polo Goberno de Rueda, que se será debatido mañá en Pleno. Un proxecto que, asegura, non é “nin ambicioso, nin histórico nin expansivo”  senón que, pola contra, é unha "mala noticia" que traerá consigo novos recortes da prestación de servizos públicos no País.

Malia que o PP presume dun aumento no teito de gasto de 223 millóns de euros, explica, isto suporá só un 1,6 % máis, cando a inflación, o custo de vida, subiu un 2,7 % ao longo do pasado 2024. “Isto significa que hoxe prestar servizos é máis caro e, polo tanto, a Xunta vai ter menos recursos para facelo”, sostén.

A deputada nacionalista avanza, como outra das razóns do voto en contra do BNG, o uso que o PP fai do teito de gasto como “unha performance” ou “unha tapadeira para ocultar que a negociación importante que hai neste momento é loitar por un sistema de financiamento mellor para Galiza”.

Máis unha vez, criticou así a submisión e o servilismo de Rueda ás directrices que lle marca o PP de Madrid desde Génova, negándose a negociar de xeito bilateral co Estado a reforma do sistema actual de financiación que, subliña, supuxo para Galiza perdas de máis de 1.500 millóns ao ano, “máis do que gasta o PP en toda a política social”.

É por iso que o BNG volverá a defender no Pleno do teito de gasto a negociación dun modelo de concerto económico que lle devolva a Galiza a chave dos seus cartos, así como a posta en marcha de “medidas ambiciosas” nos próximos orzamentos da Xunta.

“Hai que ir a correccións básicas”, apuntou a portavoz de Facenda do BNG que, entre outras cuestións, propón destinar un 1% do orzamento da Xunta á loita contra a violencia machista, “para facernos eco das demandas do Consello de Contas e do feminismo”, ou “rescatar” a atención primaria destinando o 25 % dos presupostos, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

Ademais, o BNG considera imprescindible a posta en marcha de novas medidas de apoio aos sectores económicos nun contexto de incerteza como o que vivimos actualmente, impulsando por exemplo un plan de choque ante as consecuencias que vai ter a política arancelaria dos Estados Unidos.

“No BNG dicimos non á proposta de teito de gasto do PP e si a propostas que melloren o orzamento futuro para o noso País, mellorando a vida da xente”, conclúe Presas.