BNG acusa á Xunta de Rueda de ocultar o informe das universidades galegas sobre o impacto do cambio climático
Luís Bará asegura no día Mundial do Medio ambiente que “Galiza non ten nada que celebrar” porque a costa está desprotexida pola inacción do PP
Denuncia, pola contra, que o PP está a impulsar actuacións contrarias á evidencia científica ao abeiro da “pérfida Lei do Litoral”
O deputado do BNG, Luís Bará acusa á Xunta de Rueda de ocultar o informe encargado ás tres universidades galegas, asinado en 2021 e cunha dotación de 159.000 euros repartidos nas anualidades 2021-2022, para determinar o impacto do cambio climático sobre o litoral galego. Tras pedilo en varias ocasións polo artigo 9, o BNG denuncia que, tras tres anos do final do convenio, non se coñecen os resultados do mesmo, nin as actuacións que se levaron a cabo en virtude do contido do informe final. “Que teñen que ocultar?”, preguntou.
Bará asegurou que, como consecuencia da inacción da Xunta, o litoral está desprotexido fronte ao cambio climático porque non aprobou o plan de adaptación da costa galega ao cambio climático para mitigar o seu efecto, que era “a súa obriga”, recalcou.
Pola contra, afirmou que o PP na Xunta está “impulsando e avalando”, ao abeiro da “pérfida” Lei do Litoral que “ten un envoltorio moi bonito de xestión integral do litoral”, actuacións que son absolutamente contraproducentes e contrarias, tanto á evidencia científica e á realidade dos feitos, en referencia aos fenómenos meteorolóxicos extremos, a erosión costeira e a subida do nivel do mar.
O responsable de Medio Ambiente do BNG no Parlamento afeoulle á Xunta que non estea actuando nestas cuestións e reclamou, ademais da información sobre ese estudo, unha estratexia de protección da costa fronte ao cambio climático a partir, precisamente, dos resultados e conclusións dese informe.
É por iso que o deputado nacionalista lle preguntou na Comisión 2ª á directora xeral de Enerxías Renovables e Cambio Climático, Paula María Uría , polos resultados dese informe, sen obter, de novo, resposta ao que se lle preguntaba, que era coñecer o informe final, o resumo executivo e a documentación para a presentación e difusión do proxecto. “Cales son as conclusións dese informe, que medidas se adoptaron, e se a Xunta ten previsto aprobar nalgún momento un plan para a adaptación da costa galega ao cambio climático.
Trala intervención da titular da Xunta, Bará replicoulle “quedei como estaba” porque o que lle respondeu xa está recollido na memoria, indicou.
“Non é ningunha complexidade técnica demais”, contrapuxo, tal e como argumentou a conselleira. “Que teñen que ocultar? E que nos fan sospeitar, evidentemente”. “Temos que ir á Consellería de Cambio Climático buscala?, porque isto xa pasa de castaño a escuro”, dixo recriminando que nin polo artigo nove nin hoxe cara a cara coa responsable da Xunta, o BNG obtivo resposta sobre a documentación do estudo.
O deputado nacionalista comezaba a súa intervención asegurando que, hoxe, 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, Galiza “non ten nada que celebrar”, malia a “maquillaxe verde” e o “ecopostureo” do PP de apropiarse de termos do discurso ambientalista e da sostibilidade, presumindo de que todas as súas políticas son “verdes”. “Todo é verde para a Xunta e mentres fai políticas totalmente contrarias á natureza e ao medio, políticas depredadoras e de espolio”, expresou.
“Dá que pensar que un goberno “tan dado á propaganda”, non informase do estudo preceptivo para determinar o impacto do cambio climático nas costas galegas”, ironizou Bará.