BNG acusa a Xunta de Rueda de ocultar información sobre as residencias e propón que as actas de inspección sexan públicas
Olalla Rodil: “É evidente que o PP está agochando e manipulando información para protexer as empresas na vez dos dereitos das e dos usuarios”
O BNG quere que as residencias publiciten nun documento a puntuación de Inspección sobre a alimentación, o persoal ou a atención especializada
A portavoz de Política Social do BNG, Olalla Rodil, acusa a Xunta de Rueda de vetarlle ao Parlamento as actas e informes de Inspección das residencias clausuradas en Amoeiro e Xinzo de Limia, e as que corresponden á da DomusVi de Monforte, que leva anos sendo denunciada por incumprimentos por parte de familiares, persoas usuarias e traballadoras.
“Non pode ser que neste País pechen dúas residencias de maiores nas que había persoas desnutridas e sen asear e que non se permita saber que viron os inspectores de Política Social neses centros”, criticou. “É evidente que o PP está ocultando e manipulando información e que protexe máis as empresas que os dereitos das persoas usuarias”, expresou Rodil, quen acusou ademais ao Goberno galego de remitirlle ao BNG información falsa que “nin sequera coincide dunhas respostas a outras”.
Segundo explicou, a información remitida pola Xunta entre 2017 e 2020 fala de que se realizaron 757 visitas, incoándose 38 expedientes e impoñéndose 16 sancións firmes. Porén, nun listado remitido ao BNG por outra vía, infórmase de 1.144 inspeccións e 39 sancións firmes no mesmo período de tempo.
Entre os anos 2019 e 2024, segundo confirmou no último Pleno a conselleira de Política Social, Fabiola García, resolvéronse 430 expedientes. Mentres, a través dunha resposta escrita, infórmase de 476 expedientes firmes, 46 máis, sen incluír o último ano de 2024, dos apuntados pola política do PP.
“É unha feira de cifras”, afirmou Rodil, engadindo que “detrás disto hai toda unha serie de artimañas por parte do PP para ocultar o que está acontecendo nas residencias de maiores de Galiza”. Asegurou, no mesmo sentido, que o Goberno de Rueda veta ao BNG e á sociedade galega as actas de inspección porque “queren ocultar a realidade”.
Propostas para dar luz onde o PP “só quere impoñer sombra”
Contrapuxo o escurantismo que quere impoñer o Executivo de Rueda obre a situación das residencias galegas coas propostas “para dar luz onde o PP só quere impoñer sombra” que o BNG levará a través dunha moción ao Pleno desta semana.
En primeiro lugar, demandará que se remitan de maneira inmediata as actas e os informes de inspección das residencias de Amoeiro (que foi inspeccionada por Política Social o 8 de setembro e clausurada o 2 de outubro despois dunha inspección de traballo) e de Xinzo de Limia. “A obriga da Administración pública é a de velar polos dereitos fundamentais das persoas usuarias”, recriminou Rodil.
En segundo lugar, o Bloque propón que as actas de inspeccións ordinarias sexan públicas e accesibles por lei a través do Portal de Transparencia da Xunta de Galiza, ao igual que acontece en Navarra, onde publican de maneira ordinaria os informes das inspeccións que se realizan en todos os centros de servizos sociais, apuntou Rodil.
Por último, o BNG pide que se obrigue á residencia, pública ou privada, a pendurar na porta dos centros un documento que sintetice a puntuación obtida por cada residencia nas inspeccións en materias “tan importantes e tan sensibles” como o cumprimento dos rateos de persoal, unha alimentación nutritiva e saudable ou a existencia de apoios para a vida diaria e a atención especializada das persoas con enfermidades neurodexenerativas, tal e como se fai por exemplo en Alemaña.
“No BNG temos claro que o máis importante son os dereitos das persoas usuarias e o cumprimento da lei”, salientou Rodil, mentres o PP, con esta ocultación de información, o que pretende é “protexer máis os intereses das empresas que as usuarias destes centros residenciais”.
A deputada nacionalista concluíu emprazando á Consellería de Política Social a velar polo benestar dos usuarios e usuarias da residencia de As Gándares de Lugo, xestionada ao 100 % pola Administración galega, onde, segundo denunciou, non se está a garantir os dereitos básicos nin a intimidade das persoas mentres se realizan obras de reforma. “Que unha persoa este nunha residencia de maiores non a converte nun moble, nin desaparece a súa autonomía, nin a súa intimidade nin os seus dereitos fundamentais”, lamentou.