BNG acusa á Xunta de “mirar para outro lado” ante o incumprimento das empresas nas residencias privatizadas

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil advirte de que os contratos teñen unha duración de 30 e foron blindados polo Partido popular durante os gobernos de Fraga
BNG acusa á Xunta de “mirar para outro lado” ante o incumprimento das empresas nas residencias privatizadas

A parlamentaria do BNG, Olalla Rodil acusou hoxe á Xunta de “mirar para outro lado” ante o incumprimento das empresas nas residencias privatizadas.

Na formulación da pregunta ao goberno, a nacionalista advertiu que os contratos teñen “unha vixencia de 30 anos” e foron “blindados” polo Partido popular durante os gobernos de Fraga. Neste sentido, afirmou que as devanditas concesións custan á Xunta 18 millóns de euros ao ano e de 12 centros, a inmensa maioría pertencen ao grupo Domus Vi.

En opinión da deputada, os contratos foron “un regalo envelenado e un chanchullo” que deixou o Partido popular cando perdeu a Xunta de Galiza ao igual que os “concertos” cos colexios do “Opus Dei” que segregan ao alumnado por sexo nas aulas.

Para a  nacionalista, a Xunta incorre en “deixación de función” por non controlar que as empresas cumpran coas obrigas dos contratos nas residencias privatizadas. A Xunta, recalcou, “debe velar  polos dereitos das persoas usuarias dos centros de maiores, sobre todo porque é “un colectivo extremadamente vulnerable e cun alto grao de dependencia” en moitos casos.

A Xunta “non controla o cumprimento dos pregos das concesións nin a normativa en materia laboral” como reflicte o informe elaborado polo Consello de Contas do ano 2018 cando afirma que “non consta que a administración efectuara unha supervisión da correcta prestación do servizo, a través da figura do responsábel do contrato”.

Por outra parte, engadiu que tampouco verifica que o contratista cumpra tódalas obrigas de carácter social e tributario en relación cos traballadores, no que atinxe  á  Seguridade Social  e o IRPF, a pesar de que o prego de cláusulas prevé que o contratista debe enviar a documentación acreditativa xunto coa factura final. “A administración  realiza o pago da factura sen supervisar ese cumprimento”, recalcou.

Na verificación do procedemento de pago da facturación das estancias polas xefaturas territoriais, explicou Rodil  as residencias non acompañan á factura mensual toda a documentación requirida para o pagamento. “Non consta  o organigrama nin o cadro de persoal do centro coa súa identificación, número de afiliación á seguridade social e categoría profesional; nin tampouco os TC1 e TC2 da Seguridade social; nin, no seu caso, as facturas dos servizos complementarios contratados”.

Neste sentido, engadiu que o control efectuado nas xefaturas territoriais para o pago da factura “limítase á comprobación das incidencias producidas  nas estancias das persoas  usuarias declaradas pola entidade contratista”.  Tampouco se efectúa un control sobre os ingresos percibidos dos usuarios en concepto de copago do servizo.

A parlamentaria do BNG  lamentou que o Director Xeral de Maiores e persoas con discapacidade, Fernando González Abeijón eludira responder as cuestións formuladas, unha nova evidencia, dixo, da vontade da Xunta “  por ocultar información ao Parlamento e ao conxunto da sociedade galega”, unha actitude habitual do goberno do Partido Popular  de residencias de maiores das que continúa negándose a facilitar o número de persoas falecidas en cada centro residencial ou sobre a composición do comité asesor sociosanitario. A parlamentaria anunciou que o BNG rexistrará novas iniciativas para coñecer a realidade que a Xunta se empeña en ocultar.

 

BNG acusa á Xunta de “mirar para outro lado” ante o incumprimento das empresas nas residencias privatizadas