parlamento galego

BNG acusa a Xunta de frivolizar coa marca “Galiza refuxio climático”, mentres non adopta medidas contra os lumes

Daniel Pérez

Daniel Pérez asegura que o actual modelo “xacobeocentrista” do PP é unha traba para aproveitar de xeito sostible o potencial de Galiza

Critica que non se pode falar de sostibilidade turística á vez que se autoriza Altri, que agrede o territorio e o propio Camiño de Santiago

O deputado e portavoz de Turismo do BNG, Daniel Pérez, reclamou á Xunta reaccionar con responsabilidade e visión de futuro ante os efectos do cambio climático na industria turística e criticou que frivolice coa marca “Galiza refuxio climático” como reclamo turístico mentres, en 16 anos de Goberno do PP, non foron quen de anticiparse, analizar a situación e adoptar medidas de prevención para os lumes. Medidas que, para o BNG, pasan por ordenar o monte galego e planificar e fomentar políticas que o fagan produtivo e rendible.

“Altri e a vaga de Lumes de 2025 invalidan e son o exemplo máis claro do que levamos repetindo neste parlamento nos últimos anos: que a sostibilidade turística, coa que se lles enche a boca un día si e outro tamén, é pura retórica e notas de prensa”, manifestou.

Pérez denunciou na Comisión 6ª que o actual modelo turístico impulsado polo Partido Popular, centrado no Xacobeo e falto de diversificación, “é unha traba para aproveitar de forma sostible e eficiente o potencial turístico que ofrece Galiza”. O modelo “xacobeo-centrista”, segundo o portavoz nacionalista, “é incompatible cos principios de respecto ás comunidades locais, mellora da conectividade e creación de emprego estable e non precario”, subliñou.

Por outra banda, asegurou que a autorización a unha macrocelulosa que “dinamita” o Camiño de Santiago, xunto coa destrución de 150.000 hectáreas dun dos principais activos turísticos do País a causa dos lumes -a nosa riqueza natural e paisaxística- demostra esa “falta de análise e planificación” por parte do PP na Xunta.

Afeou así mesmo que “as palabras bonitas” da conselleira de Medio Ambiente en Fitur o pasado mes de xaneiro, “desautorizan” o Executivo de Rueda, primeiro por “sacrificar o buque insignia do Turismo sostible, ao dar luz verde a Altri e, segundo, por non apostar pola prevención e coidar ese “entorno natural privilexiado” do que falaba Ángeles Vázquez na Feira de Turismo máis importante do Estado español.

Segundo Pérez, o feito de que se venda Galiza como refuxio climático constata que o Goberno galego considera que o cambio climático vai influír nos fluxos turísticos, tal e como vén advertindo o BNG.

Na súa réplica, o deputado nacionalista recriminoulle ao director xeral de Turismo, Manuel Merelles, que, “seguindo as directrices do PP”, na súa resposta non fixese nin unha soa referencia aos lumes deste verán. Tamén lle criticou que negase a xentrificación que se está a dar nalgunhas zonas de Galiza e, polo tanto, que negase tamén a situación de moitos galegos e galegas que non teñen acceso a unha vivenda pola proliferación de vivendas de uso turístico. Ademais, acusouno de negar así mesmo os problemas de sobrecustos que teñen que asumir con fondos propios un crecemento exponencial da súa poboación no verán.