BNG acusa á Xunta de deixar facer ás empresas de transporte que precarizan a calidade do servizo e as condicións laborais
Paulo Ríos esixe o Goberno do PP medidas para facer cumprir o contrato de xeito escrupuloso nas liñas de autobuses do Baixo Miño e Val Miñor
Denuncia que os e as traballadoras fan xornadas de “dez ou doce horas” e que a empresa ‘carga no seu lombo’ que o servizo poida siga funcionando
O portavoz de Transportes do BNG no Parlamento, Paulo Ríos, acusou o Goberno do PP de facer a vista gorda sobre as irregularidades no transporte público por estrada nas comarcas do Baixo Miño e do Val Miñor, deixando que a empresa concesionaria precarice tanto a calidade na prestación do servizo como das condicións laborais do seu cadro de persoal.
Ríos defendeu na comisión 2ª do Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta atenda ás súas obrigas e tome as medidas necesarias para “facer cumprir escrupulosamente” os contratos do servizo do transporte público do País e tamén as condicións laborais do seu persoal. Reclamou, ademais, información e transparencia sobre os motivos que suscitaron a resolución dos diferentes contratos e o anterior desenvolvemento dos mesmos.
Na defensa da iniciativa, rexeitada polo PP, o deputado nacionalista afondou nas condicións laborais que están a soportar os e as traballadoras da empresa concesionaria Subus que, segundo denunciou, “cargan no seu lombo” o mantemento do servizo de transporte, concedido a unha oferta feita como “baixa temeraria” que a Xunta aceptou “sen ningún tipo de problema”.
As persoas condutoras, explicou, están facendo xornadas laborais de “dez ou doce horas” e en moitas ocasións teñen que pasar horas mortas “tirados en Gondomar, A Guarda ou calquera outro punto desta liña de transporte comendo un bocadillo ou sentadas nun banco” sen que lles computen como tempo traballado nin, en consecuencia, cobren por elas.
Ríos Santomé referiuse aos problemas que sofre o servizo de autobuses no Baixo Miño e en Val Miñor como un exemplo máis das consecuencias do Plan de Transporte Público da Xunta que, engadiu, pagan tanto os usuarios e usuarios, como os cadros de persoal e as pequenas e medianas empresas do sector que nalgúns casos vense abocadas ao peche por culpa das baixas temerarias e o réxime de monopolio.
O portavoz do BNG de Transportes emprazou así o Goberno do PP a recoñecer os seus erros na execución do Plan de Transportes e a actuar para corrixilo, tendo en conta que ten as competencias para elo e que, ademais, actúa como autoridade laboral. “A Xunta acepta as baixas temerarias, actúa con neglixencia no deseño dos contratos e non habilita ferramentas para poder modificalos a posteriori sen ter que tiralos abaixo”, explicou. A Xunta en mans do PP, afeou, presenta a rescisión dalgúns contratos como “de mutuo acordo” para tapar a súa propia “neglixencia”.
“O que reclamamos é que a Xunta interceda polos traballadores e as traballadoras, que vele polo cumprimento das condicións laborais, polo cumprimento dos contratos públicos e pola calidade dos servizos e que, dunha vez, cese no seu empeño de beneficiar as grandes empresas do transporte”, asegurou.