BNG acusa á Xunta de converter o desastre ambiental de Pontedeume nunha "crise social e económica"
O deputado do Bloque Nacionalista Galego Xosé Manuel Golpe vén de denunciar no Parlamento a “situación de extrema gravidade” que atravesa o sector do marisqueo e das artes menores en Pontedeume, onde as persoas afectadas levan desde o 20 de xaneiro practicamente sen ingresos. Golpe cualificou o caso como un exemplo de “como se pode converter unha crise ambiental nunha crise social e económica cando as administracións non están á altura da súa responsabilidade”.
O nacionalista explicou que foi o propio sector marisqueiro a flote o que decidiu motu proprio parar a actividade o 20 de xaneiro ao constatar unha baixada da salinidade por debaixo de 25, “asumindo ese sacrificio económico en beneficio do futuro da ría”. Con todo, pouco despois chegaron nove días consecutivos con salinidade 0, un episodio extremo que puxo en risco a supervivencia do recurso. Golpe sinalou que, rematada a fase de mostras, a Consellería do Mar mantivo o marisqueo a flote paralizado mediante unha “recomendación” administrativa, “sen compensación económica asociada e sen información clara”.
Golpe vinculou directamente a crise actual coa xestión do encoro da Capela e cos episodios históricos de turbidez no río Eume, lembrando unha sanción case de 2 millóns de euros a Endesa por baixadas de cota sen autorización. “Non é razoábel separar a crise actual do marisqueo da historia recente de xestión hidroeléctrica do Eume”, afirmou.
O deputado criticou que a Xunta derive agora o sector ao Instituto Social da Mariña para tramitar prestacións por cese de actividade, nun “ping-pong administrativo” que descarga noutra administración as consecuencias dunha paralización ordenada pola propia Xunta. “O que hoxe pedimos non é un privilexio para Pontedeume, senón xustiza, corresponsabilidade e unha política á altura dun sector que, mesmo en condicións extremas, demostrou máis responsabilidade ca propia administración e ca empresa concesionaria do encoro da Capela”, concluíu.