Parlamento Galego

BNG acusa á Xunta de "compadrear coa patronal" e de eludir responsabilidades na prevención de riscos no sector naval

Mon Fernández

Mon Fernández critica que a Mesa de Prevención de Riscos Laborais do Naval só se convoque “a golpe de mortes”

O deputado nacionalista alerta da precariedade laboral e da perda de persoal propio nos estaleiros vigueses

O deputado do Bloque Nacionalista Galego, Mon Fernández, denunciou hoxe na Comisión 6ª de Industria, Enerxía, Comercio e Turismo do Parlamento galego a "inacción" da Xunta de Galiza respecto da convocatoria da Mesa para a Prevención de Riscos Laborais do Sector Naval, cualificando de “absolutamente incomprensible” que o Goberno galego evite reunir este foro paritario mentres persiste unha elevada sinistralidade no sector.

Fernández lembrou que a Mesa foi creada no ano 2001 tras un accidente mortal en Vigo e advertiu de que, nos últimos anos, só se vén convocando despois de novas mortes en estaleiros: “Non se pode gobernar a golpe de funerais. É vergoñento que a Xunta só active este espazo cando hai falecementos no traballo”.

O deputado do BNG subliñou que o sector naval da ría de Vigo sufriu unha profunda transformación coa desaparición dos grandes estaleiros e coa substitución do cadro de persoal propio por empresas auxiliares: “Hoxe ningún dos grandes estaleiros conta con persoal fixo, todo depende da subcontratación. Isto significa precariedade e máis risco de accidentes”.

Segundo os datos manexados na comisión técnica do naval, preto do 80% dos accidentes laborais investigados afectan a traballadores e traballadoras das subcontratas. Para Fernández, esta situación non só multiplica a sinistralidade, senón que tamén limita os dereitos sindicais e a capacidade de defensa da clase traballadora.

Ademais, o parlamentario nacionalista cuestionou a falta de aplicación das medidas básicas de prevención, como a coordinación de actividades, a presenza de recursos preventivos ou a implantación de medidas colectivas de seguridade: “Non é por falta de guías nin de informes; é porque a Xunta se nega a facer cumprir a lei e prefire mirar para outro lado en compadreo coa patronal”.

O BNG exixiu á Consellería de Emprego e á Secretaría de Seguridade Laboral que convoquen de inmediato a Mesa política do Naval, coa participación directa das direccións empresariais e responsables políticos con capacidade de decisión, e que asuman medidas contundentes para frear a precariedade e mellorar a seguridade no sector: “Trinta anos despois da Lei de Prevención de Riscos Laborais, non é admisible seguir con alertas abaixo e esforzos mínimos”, concluíu Fernández.