Parlamento Galego

BNG acusa a Sanidade de usar as listas de substitución con intereses partidistas e reclama máis médicos para A Pobra

Rosana Pérez
Rosana Pérez pregunta ao conselleiro: “Ata cando vai seguir queimando aos profesionais e aos usuarios da sanidade pública na comarca do Barbanza?

A deputada do BNG, Rosana Pérez, denunciou no Pleno a marxinación que está a sufrir a veciñanza da Pobra no que se refire á atención sanitaria e acusou o Goberno do PP de estar utilizando as listas de substitución e contratación de médicos de Atención Primaria en función de intereses partidistas.

Cando lles vai interesar cubrir as prazas da Pobra? Ata cando vai seguir vostede queimando aos profesionais e aos usuarios da sanidade pública na comarca da Barbanza?, preguntou a deputada ao conselleiro Antonio Gómez Caamaño, a quen reprobou tanto a falta reiterada de médicos no centro de saúde como o peche unilateral do PAC entre as tres da tarde e as dez da noite, que se mantén desde hai xa máis dun ano.

Rosana Pérez lembroulle, neste punto, que a cidadanía da Pobra comezou a mobilizarse hai un mes diante do seu centro de saúde para reivindicar a cobertura de tres médicos dun total de sete que debía haber no centro e que só tras estas protestas masivas a Consellería reaccionou ordenando a cobertura de dous facultativos con contratos eventuais.

“É dicir, en Galiza, neste País no que segundo vostede non hai médicos, inmediatamente despois da numerosa protesta do día 3, apareceron 2 na Pobra, que, evidentemente, volverán desaparecer en canto xurda outro lume que vostedes consideren máis importante”, subliñou.

O uso “indecente” das listas de persoal facultativo, argumentou tamén a deputada do BNG, quedou en evidencia así mesmo en Ribeira, onde “despois de anos de deterioro brutal da asistencia no centro de saúde, repetíndonos ata a saciedade que non hai médicos, que non poden facer nada, que a culpa é de Madrid, empezaron a chegar facultativxs xusto despois da súa moción de censura como pago polos servizos prestados aos trileiros do PBB”.

É por iso que a deputada preguntoulle directamente ao conselleiro en que lista de substitucións estaban eses médicos e “cal é a legalidade do sistema, absolutamente indecente, que utilizan para cubrir prazas, ou non cubrilas, segundo os intereses partidistas”.

Respecto do PAC da Pobra, a deputada do Barbanza lembrou  na súa intervención que tras reducir o horario de 8 a 3 implicou desviar á veciñanza deste concello a ao PAC de Ribeira, “que leva anos nunha situación extrema por mor do seu desleixo e da súa irresponsabilidade”, salientou. “Nunha mesma xogada, desatende o PAC da Pobra e recarga o de Ribeira, onde aumentaron tamén as saídas de ambulancias a domicilio e a maior distancia”, agregou.

 Rosana Pérez advertiu na súa pregunta ao conselleiro que os galegos e as galegas “precisan solucións e non a súa propaganda”, ao tempo que o acusou de facer que  a situación dos centros de saúde e dos hospitais da sanidade pública sexa cada día peor.

Os plans do PP na Xunta pasan por que a cidadanía “asuma como normal o que é absolutamente anormal”, dixo en alusión á falta de médicos e á perda de calidade asistencial no sistema público. Segundo denunciou, o Goberno de Rueda pretende ademais que “asistamos mudos á utilización que fan dos cartos das galegas e galegos para os seus cambalaches”.