BNG acusa a Rueda de intentar favorecer a Audasa inflando con case 1.500 M€ o que habería que pagar por rescatar a AP-9

Olalla Rodil Pleno Arquivo

Olalla Rodil: “É hora de que Galiza tome o control da autoestrada e para iso o Goberno do PP ten que deixar de remar a favor da concesionaria”

Lembra que o informe elaborado por técnicos da Universidade da Coruña cifra en 904 M€ o rescate, que sería beneficioso para as arcas públicas

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusa o Goberno de Rueda de intentar inflar con case 1.500 millóns de euros máis o que habería que pagar á empresa concesionaria polo rescate da AP-9 que, asegurou, ten que ser transferida “de inmediato” para facela “galega e libre de peaxes” unha vez que o Tribunal de Xustiza da Unión Europea declarou ilegal a prórroga até o ano 2048 concedida polo Goberno de Aznar.

“Rueda ten que explicarlle aos galegos e ás galegas por que quere pagarlle a Audasa preto de 1.500 millóns de euros máis e por que, de novo, na vez de defender os intereses de Galiza defende os intereses da concesionaria”, asegura a deputada nacionalista, instándolle a “exercer como presidente da Xunta por unha vez na súa vida en lugar de facer de comercial dunha empresa”.

Rodil lembra que o informe elaborado por técnicos da Universidade da Coruña, que encargou o BNG en 2024, cifra en 904 millóns de euros o rescate da AP-9, cantidade que se corresponde co valor de mercado e que dista moito (1.452 M€ menos) dos 2.356 M€ que “pretende pagarlle o PP”.

Segundo o BNG, a prórroga ilegal da que é responsable o PP ten que se utilizada para anular o contrato e “facer por fin que a AP-9 sexa unha autoestrada galega e libre de peaxes. “Porque ademais de xusto —expón Rodil— o rescate desta infraestrutura chave para os intereses de Galiza sería máis barato para as arcas públicas que seguir bonificando á empresa”.

“Os cartos que leva pagado o Goberno español e que deberá pagar en bonificacións da autoestrada ata o remate da súa concesión no 2048 é máis do que custa rescatar a autoestrada”, subliña a deputada que, afondando nesta cuestión, e remitíndose de novo ao informe da Universidade da Coruña, explica que ao tratarse dun contrato ilegal —e por tanto anulable— a concesionaria Audasa non ten dereito a indemnización por lucro cesante, como recolle o Tribunal Supremo nunha sentenza ditada en 2022.

O estudo da UDC, encargado en 2024, recolle ademais que as peaxes na sombra pendentes de pago entre ese ano e 2048, cando finaliza a concesión, ascenden a 2.8244,5 millóns de euros, cálculo realizado en base ao ditame do Consello de Estado de 2021. De aí, salienta Rodil, que o custe a pagar por recuperar para o público a autoestrada sería “moi inferior” ao que manexa o Executivo do PP na Xunta, ao que emprazou a “deixar de facer informes a medida” dos intereses da empresa e non dos galegos e galegas.

“É hora de que Galiza tome o control da AP-9 e para iso o Goberno do PP na Xunta ten que deixar de remar a favor da concesionaria e o Goberno español ten que cumprir os compromisos adquiridos con Galiza e transferir de inmediato a xestión desta infraestrutura que é clave para os intereses do País”, concluíu a viceportavoz do Bloque.