BNG acusa a Rueda de converter a Xunta nunha sucursal de Génova renunciando a defender os intereses dos e das galegas

Olalla Rodil

Critica o “abuso absolutamente partidista” que fai do Parlamento o PP tras convocar a Deputación Permanente despois do Consello de Política Fiscal

Rodil adianta o voto en contra do teito de gasto porque é o preludio duns orzamentos para 2027 que non darán resposta aos grandes retos do País

A viceportavoz primeira do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o Goberno de Rueda de converter a Xunta nunha “sucursal de Génova” e de renunciar, pola súa submisión aos intereses partidistas do PP de Madrid, á defensa dos intereses das galegas e dos galegos para conseguir un financiamento xusto e máis recursos para sanidade, educación, dependencia ou vivenda.

“Cando máis necesario é para Galiza ter un goberno que lle dea voz, que participe nas negociacións e nas mesas nas que se debaten asuntos transcendentais para o próxima década como é a negociación do sistema de financiamento, que defenda os seus intereses diante do Estado e que pelexe por dotar o noso País de máis recursos, de máis capacidade de decisión política, económica e fiscal, o que temos é un PP de Rueda na Xunta convertido nunha sucursal de Génova”, asegurou. 

Rodil fixo estas declaracións tras a reunión da Xunta de Portavoces na que, cos votos do PP, decidiuse convocar a Deputación Permanente este xoves, o mesmo día do Pleno extraordinario onde se debaterá o teito de gasto e xusto despois da celebración, este mércores, do Consello de Política Fiscal e Financeira convocado no marco da negociación dun novo modelo de financiamento autonómico, unha das máis importantes para Galiza dos últimos 18 anos.  

O BNG solicitou o pasado 22 a celebración da Deputación Permanente para solicitar a comparecencia do presidente da Xunta co obxectivo de fixar unha posición de País de cara á cita do CPFF, lembrou Rodil, que lamentou que, nunha “manobra do PP”, o Parlamento galego vaia debater agora sobre a “pertinencia” de que Rueda compareza ou non despois da celebración desa reunión. 

O PP na Xunta “volve deixar aos galegos e ás galegas tiradas aos pés dos cabalos” por esa “submisión á estratexia electoralista de confrontación partidista” que lle marcan de Madrid, salientou. E mostra diso é, engadiu, que Galiza sexa a primeira das comunidades gobernadas polo PP que asinou unha carta solicitando aprazar o Consello de Política Fiscal e Financeira cando o actual modelo de financiamento leva caducado desde 2014.

“O PP manda, Rueda obedece e Galiza perde”, subliñou a viceportavoz do BNG no Parlamento, que cualificou “artimaña” do PP para convocar a Deputación Permanente un día despois do CPFF un exemplo máis do “abuso absolutamente partidista” que fai o Partido Popular da Cámara galega. 

“Nin con todas as artimañas que están usando dun tempo a esta parte de maneira xa absolutamente desacomplexada van conseguir tapar a súa submisión a Madrid”, continuou Rodil, que encadrou tamén nese sometemento a proposta de teito de gasto que se debaterá o xoves. 

Un teito de gasto que, segundo avanzou, o BNG vai rexeitar fundamentalmente por dous motivos. O primeiro, porque é un instrumento “perminicioso” que fai que o Estado, sen ter as competencias máis custosas e importantes para a xente como son o ensino, a sanidade ou a política social, acapara máis capacidade de gasto que Galiza, cun marco “centralista e inxusto”. 

A segunda, afondou, porque a proposta do Goberno de Rueda anticipa uns orzamentos para 2027 que non van dar resposta aos grandes retos que ten Galiza “para blindar e fortalecer os servizos públicos do País e impulsar políticas que garantan mellores condicións de vida e máis benestar para os galegos e as galegas”. 

Malia o incremento que recolle o teito de gasto respecto ao este ano, a Xunta terá uns orzamentos “que están moi lonxe dos investimentos que realmente precisan as galegas e os galegos e especialmente os servizos públicos do País”, recalcou, lembrando neste punto que co actual sistema de financiamento Galiza xa ten un déficit de máis de mil millóns de euros anuais, segundo as cifras que manexa o Consello de Contas. 

Rodil concluíu advertindo de que a “deslealdade” do Goberno de Rueda a Galiza é cada día maior, como se demostra tamén no rexeitamento á quita de 4.000 millóns de euros na débeda ou ou seu voto en contra á transferencia da AP-9, ámbalas dúas cuestións negociadas polo BNG en Madrid.