Parlamento Galego

BNG acusa o presidente da Xunta de boicotear a reapertura da delegación da radio e televisión públicas en Pontevedra

Luís Bará

O deputado Luís Bará asegura que o máximo responsable desta “discriminación” é “un pontevedrés que se chama Alfonso Rueda”

Pide unha rectificación do “claro nesgo partidista” nas informacións que se trasladan da cidade e do seu Goberno municipal por parte da CSAG

O deputado por Pontevedra no Parlamento galego Luís Bará reclamou na Comisión 1º a recuperación da delegación da radio e da TV públicas en Pontevedra, tralo seu peche, “sen previo aviso”, hai agora 15 anos. Unha decisión que supuxo un “retroceso” e “unha discriminación” do Goberno do PP na Xunta a Pontevedra, a única das sete cidades, canda Ferrol, sen contar na actualidade cunha delegación dos medios públicos.

Bará lembrou que o peche deste centro provocou a eliminación de 25 postos de traballo, con 12 despidos e 13 traslados obrigatorios a Vigo, e que, ademais, deixou a veciñanza sen cobertura informativa da actividade institucional, política, social, económica e cultural xerada desde o concello e a contorna.

Tal e como recordou o deputado do BNG, o tema xa foi obxecto de acordos no Concello de Pontevedra e o propio alcalde da cidade, Miguel Anxo Fernández Lores, xa lle demandou en 2022 a recuperación da delegación ao presidente da Xunta, sen obter resposta ata o de agora. “Dicímolo alto e claro: o máximo responsable desta discriminación con Pontevedra é un pontevedrés que se chama Alfonso Rueda”, sinalou, lembrando que a Corporación de Servizos Audiovisuais de Galiza (CSAG), depende organicamente da Dirección Xeral de Medios, e, polo tanto, da Presidencia.

Durante a súa intervención, Bará advertiulle ao PP que “non valen escusas de carácter técnico nin orgánico”, asegurando que a negativa á solicitude de Lores é “política”, e que por iso o presidente do Executivo galego “castiga e discrimina a Pontevedra”.

O nesgo partidista dos medios públicos nas informacións sobre Pontevedra

Afondando no castigo á cidade do Lérez,  Bará denunciou e pediu unha rectificación ante o “claro nesgo partidista” nas informacións que se trasladan de Pontevedra e do Goberno municipal, o que, lamentou, non é exclusivo desta cidade. Tamén ocorre en Compostela e noutros concellos nos que non goberna o PP, como sucedeu con Ribeira ata a moción de censura que puxo fin ao mandato do nacionalista Luis Pérez Barral como alcalde.

“É absolutamente indecente como utilizan de maneira a televisión e radio públicas,  como arma de oposición en coordinación co PP”, proclamou, engadindo que o máis grave é que “utilizan recursos públicos e medios públicos para atacar e falar mal” destas cidades.

Bará amosouse convencido de que non haberá impedimento á hora de dispoñer dun espazo na cidade para poder desenvolver a actividade técnica e xornalística que se precisa para a posta e marcha da delegación.  Asegurou que o BNG quere recuperala porque  “é de xustiza” e é necesaria para “dar unha cobertura acaída, ampla, plural, obxectiva e imparcial da actividade que se desenvolve en Pontevedra”.

“Rectifiquen e voten a favor da recuperación da delegación da radio e televisión galegas, porque cando rectifican, acertan”, emprazou. Malia todo, o PP vetou, co seu voto en contra, esta iniciativa do BNG.