BNG acusa o PP na Xunta de estar “a velas vir” diante do cambio climático e urxe un plan de choque para facerlle fronte
Regular horarios laborais, axudas para a adaptación de vivendas, refuxios climáticos, medidas especiais no sector primario, mellorar os sistema de emerxencias e máis prevención fronte ao lume, propostas do Bloque
Luís Bará censura a “covardía” de Rueda, que pon o Parlamento ao servizo dos intereses do PP para evita debater coa xefa da oposición no Pleno desta semana
O viceportavoz do BNG no Parlamento Luís Bará acusou ao Goberno do PP de “estar a velas vir” diante dos efectos do cambio climático que, dixo, son xa máis que evidentes, con recorrencia de fenómenos meteorolóxicos extremos como as ondas de calor no verán que se están producindo nas últimas semanas. “Diante das evidencias, a Xunta está a velas vir e non está a altura da gravidade deste desafío, que é un dos maiores que temos nesta etapa histórica”, censurou.
“Non se pode ignorar nin minimizar a gravidade da situación”, destacou Bará, lembrando que, segundo os datos estatísticos, o de 2025 foi o verán máis cálido da serie histórica e os catro últimos os máis calorosos, e que informes como o coordinado pola Oficina Española de Cambio Climático advirten da intensificación dos fenómenos meteorolóxicos extremos, con efectos na saúde, na economía, na biodiversidade e nas emerxencias.
É por iso que o deputado nacionalista instou ao Goberno de Rueda a deixar a súa “actitude triunfalista” e unha política neste eido que, denunciou, “se resume en entender o cambio climático como unha fonte de negocio para determinado tipo de empresas”. “O que lle pedimos a Rueda é que se tome en serio os riscos asociados á emerxencia climática e que tome medidas xa”.
A proposta do BNG, neste sentido, pasa pola creación dun comité especial fronte á emerxencia climática e un plan de choque cunha batería de medidas especiais e excepcionais e un orzamento extraordinario para actuar en cinco ámbitos prioritarios, como son os da saúde, a economía, a biodiversidade, as emerxencias e os incendios.
No ámbito da saúde, “son necesarios máis que consellos”, dixo Bará, que lembrou neste punto que só en xuño Galiza sumou 277 falecementos relacionados coas elevadas temperaturas, segundo un estudo do CSIC e da Universidade de Valencia.
Regular os horarios de traballo, adaptación de vivendas e axudas para a súa climatización, actuación en espazos urbanos con infraestruturas verdes ou a creación dunha rede de refuxios climáticos similar á que ten posto en marcha o País Vasco son, neste sentido, algunhas das propostas do Bloque.
A alternativa nacionalista inclúe así mesmo medidas no ámbito económico pois, tal e como apuntou Bará, hai estudos que advirten xa dunha contracción do PIB por causa do cambio climático e por iso é necesario actuar con medidas especiais para facerlle fronte na agricultura, na gandería e no sector forestal, así como no sector da pesca e o marisqueo. “Sabemos o que está pasando nas rías galegas nos últimos anos, cunha perda de produtividade que en parte ten relación co cambio climático”, precisou Bará.
Medidas para protexer o patrimonio natural, a auga, o solo fronte á erosión ou a calidade do ar forman parte tamén do plan do BNG para protexer a biodiversidade como “escudo protector” fronte ás ameazas do cambio climático.
O viceportavoz do BNG no Parlamento propuxo, por outra banda, mellorar o sistema de atención ás emerxencias asociadas á fenómenos meteorolóxicos extremos, pois o que hai agora, afondou, xa quedou obsoleto. “Precisamos un dispositivo público, profesional e con todos os medios”, explicou o deputado, que en cando aos incendios forestais, avogou polo reforzo de medios e por “actuacións na planificación territorial e na prevención” para frear a incidencia dos incendios de última xeración “máis grandes e moito máis graves” tanto para o medio como para os bens e a vida das persoas.
Xa por último, Bará reclamou “un gran esforzo de concienciación social” e traballar en colaboración con universidades e organismo científicos para abordar o desafío que supón o cambio climático.
Críticas á “covardía” de Rueda
Luís Bará aproveitou a rolda de prensa para denunciar, por outra banda, “a manobra” do Partido Popular de cara o Pleno desta semana, no que o debate das preguntas ao presidente da Xunta vai ser acumulado, de maneira que Rueda vai contestar conxuntamente. “De novo –afeou– o PP utiliza o Parlamento e a súa presidencia para ordenar os debates ao servizo dos seus intereses partidistas”.
Lamentou así a “covardía” do presidente da Xunta que, dixo, o que busca é “fuxir do debate cara a cara” coa portavoz nacional do BNG e líder da oposición, Ana Pontón, que neste Pleno, o último do período de sesións, preguntará a Rueda “cando vai a actuar como presidente da Xunta” e “cando vai deixar de antepoñer os intereses do PP aos de Galiza”, como fai negándose ao traspaso da AP-9, rexeitando a quita da débeda de 4.000 millóns negociada polo Bloque ou negándose a negociar un novo sistema de financiamento que sexa mellor para os galegos e as galegas.
“En vez de actuar en defensa dos intereses de Galiza e ter unha postura propia, o que fai Rueda é obedecer as ordes que lle mandan desde Madrid, porque cando hai que escoller entre Galiza e o PP, sempre escolle o PP e a súa estratexia partidista”, concluíu.