BNG acusa o PP de usar o Consello Regulador do Ribeiro en favor dos seus intereses políticos e coa conivencia da Xunta
Presas apunta a Agacal e Medio Rural como cómplices nas inxerencias no órgano de control e certificación, que por lei ten que ser independente
A Axencia de Calidade Alimentaria puido incorrer en falsidade documental no proceso xudicial aberto pola “remoción” de traballadores, advirte
A deputada do BNG Noa Presas acusou o PP de usar o Consello Regulador do Ribeiro a favor dos seus “intereses partidistas” e para “vingarse dos traballadores e traballadoras que non comulgan con rodas de muiño e que queren facer o seu traballo de maneira profesional e independente”. Un uso partidista que conta, denunciou, coa conivencia da Xunta, que está sendo parte do problema dunha “situación ilegal” de inxerencia nos mecanismos de control da entidade que, segundo marca a normativa, teñen que ser independentes.
“Hai un uso torticero do Partido Popular das institucións e moi concretamente do Consello Regulador do Ribeiro”, reproboulle ao director xeral da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal), Martín Alamparte, obrigado en comisión parlamentaria a dar resposta ás preguntas que o BNG xa formulou por escrito hai seis meses respecto á falta de control da Xunta sobre o funcionamento da entidade e as inxerencias na independencia nos seus órganos de control e certificación.
Presas subliñou que hai “indicios claros” de que tanto Agacal como a Consellería de Medio Rural, que teñen entre as súas obrigas o control no funcionamento do Consello e a salvagarda da independencia dos traballadores e traballadoras, actuaron como “cómplices” e son “parte dun problema” de inxerencias indebidas que provocou unha alta rotación do persoal, a “remoción” de varios traballadores e denuncias que hoxe están en diferentes procesos.
Inxerencias que, ademais, comprometen o control e a certificación dos produtos. “Ninguén entendería que o fabricante dun coche sexa o único responsable de comprobar as súas medidas de seguridade ou que os sexan os donos dos coches quen fagan persoalmente a ITV”, exemplificou a deputada por Ourense, que denunciou así mesmo a falta de cumprimento das formalidades obrigadas por lei para a remoción de persoal do órgano de control.
A deputada referiuse en concreto o despido dun director técnico no 2023 “sen cumprir o requisito do informe favorable da Consellería”, e advertiu que a día de hoxe a Xunta non remitiu ao xulgado ese documento xustificatorio, con sinatura dixital, código CVE ou rexistro de saída. “Non o remitiron porque non existe”, asegurou, alertando neste punto de que a Xunta podería incorrer en “falsidade documental” ao aportar “outra cousa” que “pretende imitar” ao documento que lle está requirir a Xustiza.
Censurou así as “reviravoltas” de Agacal na súa resposta ao xulgado, cunha declaración do anterior director xeral en xaneiro de 2024 e na que se obvia o documento oficial para xustificar as decisións sobre o persoal. “É como se eu vou pedir o meu título á USC e dinme que como cambiou o reitor xa non mo poden dar”, explicou.
Presas incidiu en que “aquí cheira a podre” e, aludindo ao remoción do director técnico, preguntou ao responsable de Agacal por que esta entidade non actúa “se o xerente lle manifestou nunha solicitude que despedimento serviría como ‘aviso ao resto dos técnicos do órgano de control”’. Non lle fixo dubidar a Agacal sobre se a remoción estaba motivada en aspectos que poñían en cuestión a dependencia do persoal de control?, engadiu.
A deputada do BNG preguntou así mesmo por que Agacal non deu audiencia aos traballadores e traballadoras ou por que non actuou despois de que o xerente do Consello Regulador do Ribeiro manifestase, tras o despido do director técnico, que se ía reunir a diario cos membros do órgano de control para organizar o traballo, cando este ten que funcionar de maneira independente.
Van cumprir vostedes a súa obrigación legal de tutela e actuar ou van seguir mirando a outro lado sendo parte do enorme problema que están causando nas funcións do Consello Regulador do Ribeiro?, concluíu Presas, que ao longo da súa intervención quixo deixar claro que o BNG respecta os procesos xudiciais, “a diferenza do que fai a dirección política do Goberno do PP, que empregou as listas electorais para facilitar que este proceso se dilatara no tempo”.