BNG acusa o PP de facer trampa enganando os e as galegas coa AP-9: “Nin queren o traspaso nin o quixeron nunca”
Olalla Rodil ve os populares “enfurruñados” co acordo acadado polo Bloque e exixe a Rueda que deixe de mentir para boicotear a transferencia
O texto pactado supón que o Estado asumiría o custo económico que se puidese derivar dunha eventual anulación da prórroga de 25 anos outorgada por Aznar
A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o Goberno de Alfonso Rueda de facer trampa e enganar os galegos e as galegas utilizando a mentira para “boicotear” o acordo impulsado polo BNG no Congreso coa fin de desbloquear a tramitación da lei de transferencia da AP-9 a Galiza. “En realidade, o PP nin quere a transferencia nin a quixo nunca”, asegurou Rodil.
A viceportavoz cominou así os populares a “deixar de poñer escusas para boicotear o traspaso” e a “exercer de goberno galego, defendendo os intereses do País”, polo que reclamou o seu apoio á proposición non de lei que vén de rexistrar o BNG no Parlamento galego para, precisamente, apoiar o acordo impulsado no Congreso.
Un acordo que, destacou, “supón un gran paso adiante para lograr o obxectivo polo que levamos tantos anos traballando: conseguir unha AP-9 galega e libre de peaxes”. “O único que non se alegrou deste histórico acordo impulsado polo BNG no Congreso e o PP, que xa o vimos enfurruñado desde o minuto cero”, lamentou.
A deputada nacionalista explicou, neste punto, que o texto negociado polo BNG en Madrid e aprobado só cos votos en contra de PP e VOX recolle, ademais da transferencia, a obriga do Goberno español de asumir as cargas económicas que deriven das decisión adoptadas pola administración estatal sobre a concesión.
“No caso de que por parte da Comisión Europea e, eventualmente, por parte do TXUE, se acorde a anulación da prórroga de 25 anos concedida en 2000 polo PP de Anzar, será o Goberno español quen deberá asumir os custos económicos derivados desta decisión”, detallou a deputada nacionalista.
Rodil leu literalidade do acordo, que di que “a Administración Xeral do Estado conservará ao seu cargo, con respecto á sociedade concesionaria da autopista AP-9, as obrigas con repercusións económicas e financeiras derivadas da aplicación da concesión en vigor que foran motivadas por modificacións adoptadas no período en que tivo a competencia e cos límites económicos vixentes á data da aprobación do Acordo da Comisión Mixta de Transferencia”.
“Isto non é unha cláusula trampa”, sostivo, para subliñar que “o que é tramposo é o PP, que leva boicoteando a transferencia da AP9 desde hai unha década”. “Porque non a queren. Non a quixeron nunca”, sostivo, para concluír ao respecto unha vez máis queda demostrado que “a palabra do PP e de Rueda non valen nada”.
A viceportavoz nacionalista destacou ademais que o acordo impulsado polo BNG no Congreso recolle a vontade emanada por unanimidade no Parlamento galego e respecta o autogoberno de Galiza. Segundo precisou, a aprobación da lei para o traspaso da autoestrada tense que concretar logo na comisión mixta de transferencias “nesa negociación bilateral entre Xunta e o Estado onde poden darse máis pasos adiante”. “Quere máis o PP?, que faga o seu traballo e negocie máis na comisión mixta”, dixo.
Unha década poñendo paus nas rodas
Tras lembrar que a concesión vixente, unha prórroga declarada ilegal pola Unión Europa, foi aprobada polo Goberno de José María Aznar, a deputada do Bloque denunciou que o PP leva unha década “poñendo paus nas rodas” para impedir que a autoestrada sexa transferida a Galiza. “Primeiro bloquearon desde o Goberno español a tramitación da lei de transferencia e agora, nunha nova traizón a Galiza, boicotéana no Congreso votando en contra da ponencia e, o peor, utilizando a Xunta para impedir unha AP9 galega e libre de peaxes”, declarou.
Mostra de que o PP nunca quixo a transferencia é, xunto co actual boicot, que o Goberno do PP presidido por Mariano Rajoy vetou tres veces o debate da toma en consideración da iniciativa impulsada polo BNG no 2015 no Parlamento galego. “Nun exercicio de autoritarismo máximo, non é que votasen en contra da transferencia, é que impediron o debate”, recordou, para asegurar que tamén daquela os populares recorreron a mentiras como que a AP9 conectaba Galiza con Portugal, cando en realidade o está pola A-55.
Rodil reivindicou o traballo do BNG ao longo destes últimos anos non só en favor do traspaso senón tamén para acadar rebaixas nas peaxes. “Foi o BNG no Congreso quen traballou incansablemente estes anos para desbloquear o debate da lei aprobada polo Parlamento galego e quen conseguiu sacar adiante un acordo que permita dar cumprimento á vontade expresada unanimemente polo pobo galego nesta Cámara”, subliñou.