BNG acusa o PP de dirixir un goberno “especialista en precarizar as mulleres que traballan nos servizos públicos”

Noa Presas

O BNG reclama auditorías que aseguren o cumprimento da lexislación nas contratacións da Administración, especialmente no sector dos coidados 

A deputada pide máis recursos e menos propaganda: “Fronte ao interesado relato da igualdade conseguida, a desigualdade existe e persiste”

A portavoz de Feminismo e Igualdade do BNG, Noa Presas, acusou o PP de estar á fronte “dun goberno especialista en precarizar as mulleres nos servizos públicos” e lamentou que, na vez de traballar contra a fenda salarial e a temporalidade que afecta de maneira especial ás traballadoras do sector dos coidados ou da limpeza, opte por mirar para outro lado, permitindo que se perpetúen as malas condicións laborais.

Presas lamentou que o PP rexeitase cos seus votos a iniciativa do BNG con “medidas reais” para avanzar en dereitos e cara a igualdade de verdade, dando cumprimento ao que milleiros de mulleres reclamaron na rúa este 8-M. “Fronte ao interesado relato da igualdade conseguida, a desigualdade existe e persiste, moi especialmente no ámbito socioeconómico”, asegurou. 

A deputada nacionalista puxo o acento na discriminación que sofren as mulleres no que ten que ver coa situación económica, fundamentalmente non acceso ao emprego, nas condicións laborais e na remuneración. “Algúns indicadores melloran, pero esas melloras son lentas e insuficientes”, apuntou, para remarcar que a fenda salarial acada en termos absolutos a cifra máis alta desde que hai rexistros, algo máis de 4.700 €  e que as mulleres seguen a soportar máis a temporalidade e a precariedade no emprego.

Isto é así especialmente nos sectores máis feminizados e, en boa parte, tendo á propia Xunta como responsable. “De forma indirecta a través de subcontratas, o Goberno do PP é o responsable de pagar a nómina de milleiros de traballadoras, en especial do ámbito dos coidados”, explicou, aludindo aos salarios por debaixo do SMI que se cobran, por exemplo, nas residencias ou no sector da limpeza. 

Para poñer freo a esta situación, o BNG fixo “dúas propostas de mínimos” que o PP non aceptou. Por unha banda, impulsar un programa de auditorías sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas financiadas pola Xunta para asegurar o cumprimento da lexislación laboral e detectar posibles fendas salariais. Pola outra, impulsar unha mesa de traballo no marco do Consello Económico e Social para avaliar e facer efectivas as cláusulas de igualdade na contratación pública, sobre as que agora non hai “nin planificación nin seguimento”. 

“Desde as administracións públicas non podemos aceptar a desigualdade como se fose inevitable”, salientou Presas,  que reprobou que, en materia de igualdade, o Goberno de Rueda nin sequera avalíe o resultados das súas políticas, como ocorre co Plan Galego de Benestar Laboral, Conciliación e Corresponsabilidade 2022-25, sobre o non se fixo nin avaliación intermedia nin final ni conta cun novo plan que lle dea continuidade. 

O mesmo sucede, agregou, co III Programa Galego de Muller e Ciencia e co Plan galego contra a trata de seres humanos con fins de explotación sexual, que leva anos caducado mentres se suceden os anuncios sobre a súa aprobación. “As mulleres galegas non precisamos propaganda, precisamos políticas públicas”, manifestou, para instar á Xunta a asumir responsabilidades pola falta de rendición de contas e a presentar a renovación dos tres plans mencionados incorporando orzamento, calendario e “indicadores claros” de avaliación.  

 

O PP tamén rexeitou estes puntos da moción do BNG.