BNG acusa o PP de asfixiar os concellos ao non incrementar o financiamento do SAF
A deputada do BNG, Olalla Rodil interpelou a conselleira de Política Social, Fabiola García, para recriminarlle que a Xunta de Rueda está a asfixiar os concellos ao non incrementar o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) e alertou do “absoluto abandono” por parte do Goberno do PP e da “precarización” dun servizo esencial que sosteñen os concellos en solitario e “a duras penas”.
“Van incrementar a aportación da Xunta ao sistema de financiamento do SAF e en que medida?” preguntou, engadindo que os concellos —de todas as cores políticas— queren saber se se vai facer con carácter retroactivo e se vai aplicar con cargo ao 1 de xaneiro de 2025.
Rodil denunciou que, un ano despois do anuncio de Rueda sobre o aumento do financiamento do SAF, non se materializou ningunha mellora: “Levan meses enredando os concellos. Anunciaron máis cartos pero hoxe o certo é que ese anuncio segue sendo só iso: un anuncio”.
Segundo expuxo a deputada nacionalista, a Xunta tardou nove meses en sentarse coa Fegamp para comezar a negociar, mentres os concellos seguen asfixiados asumindo un sobrecusto que non lles corresponde: “Nos últimos catro anos, a hora de SAF encareceu case 8 euros a hora. Pasou de 16€ en 2016 a 23,6€ en 2025, e todo ese incremento está a ser asumido polos concellos, que tiran das súas contas “pírricas” para poder soster servizos e competencias que non lles corresponden, cando a Lei de Dependencia di que o financiamento debe correr a cargo da Xunta e do Estado ao 50%.
Rodil lembrou que o propio Goberno galego asinou en 2021 un compromiso coa Fegamp de mellora coas entidades locais que non está a cumprir, en referencia ás listas de agarda. “Hai listas de espera absolutamente inxustificables, como en Ferrol, onde hai máis xente agardando o servizo que persoas atendidas. 561 persoas valoradas, con dereito recoñecido, están á espera. E Ferrol é gobernado polo PP e o seu alcalde foi conselleiro de Política Social”, sinalou.
Ademais de denunciar a falta de financiamento, a portavoz de Política Social do BNG puxo o foco nas condicións laborais das traballadoras do SAF: “Lombos de mulleres que non dan máis de si. Falta persoal, non se cobren baixas, non se poden prestar máis horas. Así é imposible que os concellos poidan responder ás necesidades”, lamentou.
Rodil tamén criticou que, mentres a Xunta sanciona os concellos por non poder prestar todas as horas contratadas –como no caso do Courel, cunha multa de máis de 5.000 euros–, non ofrece solucións reais: “Que fixo o PP nestes anos? Botarlles unha man aos concellos... no pescozo”, en vez de axudalos con máis recursos, recriminou.
Para o BNG, a estratexia do PP é clara: “desmantelar o SAF”, un servizo que, tal e como recordou Rodil, foi “a xoia da coroa da atención á dependencia en Galiza” e o máis prestado e con maior número de usuarias, e que a día de hoxe xa está sendo relegado por detrás das prestacións por coidados na contorna familiar. “Por 400 de propaganda da Xunta que fan que haxa mulleres que deixan a súa carreira profesional para coidar un familiar por menos do que custa unha Risga”, puntualizou. “Este é o modelo que defende o Partido Popular?”.
Na súa Réplica, Olalla Rodil emprazou a conselleira (que lle recordou á deputada nacionalista que o Goberno central ten que poñer o 50% das achegas para a dependencia) a ir á web do Congreso e comprobar “a que se dedican as deputadas do Partido Popular”, xa que non fixeron ningunha pregunta sobre a dependencia e o sistema de financiamento da mesma.
“Que é o que lles molesta? Que o BNG defenda os intereses dos galegos e das galegas e maiores dependentes en Madrid e aquí? Iso é o que lles parece mal?”, preguntou, recordándolle ao PP que, grazas ao acordo de investidura asinado polo BNG, entre 2020 e 2023, o financiamento do Estado á dependencia aumentou o 138%, e que en 2023, segundo reflexan os orzamentos do Goberno galego dese ano publicados no DOG, o Estado pagou máis que a Xunta.