BNG acusa o PP de arquivar en falso o proxecto de Altri para retomar o proxecto “cando muden as circunstancias”
Luís Bará advirte que o carpetazo non será definitivo ata que a Xunta denegue a declaración ambiental integrada e o permiso de Augas de Galiza
Alerta sobre o posíbel recurso da multinacional lusa e dunha indemnización millonaria grazas ao cambio lexislativo aprobado polo Executivo de Rueda
O viceportavoz e responsábel de Medio Ambiente do BNG no Parlamento, Luís Bará, acusou o PP na Xunta de arquivar en falso o proxecto de Altri para construír unha macrocelulosa en Palas de Rei e reclamou que se de verdade o Goberno de Rueda quere darlle carpetazo e facelo inviábel no futuro ten que denegar a declaración ambiental integrada e o permiso de concesión de augas, os dous trámites que faltan para culminar a tramitación como Proxecto Industrial Estratéxico.
“A Xunta estalle preparando unha plataforma a Altri para que poida reanudar a tramitación cando muden as circunstancias”, alertou Bará en alusión á vía de arquivo escollida polo Executivo do PP, unha “treta” que permite que o proxecto “siga vivo e ben vivo” e tan só quede en “stand by”.
O deputado nacionalista fixo estas declaracións durante unha rolda de prensa na que, en primeiro lugar, felicitou a todas as plataformas e organizacións cidadáns que, grazas á mobilización social, obrigaron as administracións a cambiar o plan inicial e fixeron que hoxe en día o proxecto non estea aprobado xa.
Porén, advertiu que Altri ten a declaración de impacto ambiental aprobada desde abril de 2025 e está en disposición de reiniciar a tramitación “cando interese”. Esta declaración, explicou, ten unha vixencia de 4 anos, prorrogable por dous máis, o que supón que podería ter vixencia até o 2031.
Ademais, engadiu, a Xunta utiliza a fórmula do arquivo declarando a caducidade da solicitude ao abeiro do previsto no artigo 95 da lei de 2015 de procedemento administrativo, unha fórmula que ten “trampa” porque, tal e como di a norma, “nos casos nos que sexa posible a iniciación dun novo procedemento por non terse producido a prescrición, poderán incorporarse a este os actos cuxo contido se mantivese igual de non terse producido a caducidade”.
É por iso que reclamou o PP na Xunta que, para “enterrar definitivamente” o proxecto e facelo totalmente inviable de cara ao futuro, denegue a autorización ambiental integrada e a solicitude de concesión de augas. “Sobran razóns de peso para facelo”, asegurou Bará que, neste punto, esgrimiu a sentenza do TSXG de febreiro deste ano que obriga á Administración galega a protexer os terreos nos que se pretendía construír a megacelulosa, en concreto a zona de amortecemento ao sureste da serra do Careón que foi excluída un mes antes de aprobarse a DIA da Estratexia de Infraestrutura Verde.
“Iso fai legalmente inviable a posibilidade de facer aí unha instalación industrial”, apuntou o portavoz nacionalista de Medio Ambiente, lembrando que a día de hoxe o PP na Xunta aínda non cumpriu a sentenza.
Máis cabos soltos
Bará subliñou que existen ademais outros “cabos soltos” grazas á xestión do Goberno de Rueda, que deixa a porta aberta a que a multinacional lusa poida presentar recurso xudicial e, incluso, reclamar unha indemnización millonaria pola demora nos prazos previstos. Isto é así, precisou, como consecuencia de que a Xunta modificou en 2023 pola “porta de atrás” (lei de acompañamento) o decreto que regula a política industrial galega.
O artigo 86 dese decreto prevé unha indemnización de até medio millón de euros “sen prexuízo dunha posíbel acreditación de maiores danos e prexuízos con arranxo á lexislación reguladora da responsabilidade patrimonial da administración”.
O deputado do BNG concluíu que todo o proceso de tramitación do proxecto de Altri está ateigado de “irregularidades, sombras e sospeitas” que tiveron o seu punto de partida no “acordo secreto” asinado pola Xunta, a través da extinta Sociedade Impulsa, coa empresa lusa en outubro de 2021. Un memorando, lembrou que segue agochado baixo sete chaves e que o Bloque demandou en reiteradas ocasións a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento.
O BNG vén de solicitar tamén a través deste artigo 9 o expediente completo do arquivo do proxecto da macrocelulosa na Ulloa, incluíndo as alegacións presentadas pola empresa.