BNG acusa o Goberno de ocultar un novo incremento do gasto militar pactado na OTAN e exixe rectificar na escalada belicista
Néstor Rego denuncia que Sánchez "fala de pacifismo mentres compromete miles de millóns de euros máis para a carreira armamentista"
O deputado do BNG reclama ao Goberno explicar "con luz e taquígrafos" a que se refería o presidente estadounidense cando asegurou que o Estado español "se redimiu por completo"
O deputado do BNG denuncia os novos compromisos militares asumidos polo Goberno do Estado na última cimeira da OTAN e exixe ao executivo dar explicacións sobre o verdadeiro alcance do incremento do gasto en defensa. Néstor Rego denuncia a falta absoluta de transparencia coa que está a comprometer miles de millóns de euros de diñeiro público e reclama un xiro nas políticas do Goberno en favor de máis investimento social.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, denuncia que a cimeira da OTAN volve evidenciar, máis unha vez, "a subordinación dos estados europeos aos intereses xeoestratéxicos dos EUA e o papel cada vez máis militarista dunha Alianza que alimenta a escalada bélica no canto de apostar polo diálogo, a diplomacia e a resolución pacífica dos conflitos".
"O Goberno do Estado intenta vender un suposto desacordo coas exixencias de Donald Trump, mais todo fica nun exercicio de propaganda. A realidade é que continúa asumindo novos compromisos militares, incrementando o gasto en Defensa e cumprindo disciplinadamente os obxectivos marcados pola OTAN" denuncia Rego.
Neste sentido, o deputado nacionalista reclama ao executivo explicar "con luz e taquígrafos" a que se refería o presidente estadounidense cando asegurou que o Estado español "se redimiu por completo" após aceptar unha "importante solicitude de pagamento á OTAN".
"Se hai novos compromisos económicos adquiridos na cimeira, a cidadanía ten dereito a coñecelos. O Goberno non pode seguir agochando información sobre decisións que comprometen miles de millóns de euros de recursos públicos que se deberían de empregar en políticas sociais, emprego ou vivenda" afirma Rego con contundencia.
O BNG tamén exixe ao Goberno informar de maneira detallada sobre todos os contratos militares anunciados na cimeira aos que se incorporará o Estado español, entre eles a participación na futura frota multinacional de avións militares Airbus A400M e nos programas internacionais de adquisición de armamento valorados en 40.000 millóns de dólares.
"Queremos saber canto vai pagar o Estado español, que empresas van facer negocio con estes contratos e de onde vai saír ese diñeiro. Porque mentres o Goberno insiste en dicir que o gasto militar fica en 2,1% do PIB, a realidade é que a suma de novos programas e compromisos apunta claramente a un incremento moi superior e ao cumprimento progresivo do obxectivo de 5% imposto por Trump en favor da industria armamentista norteamericana" denuncia Rego.
Para o deputado do BNG, "o executivo mantén un dobre discurso absolutamente insostíbel". "Non se pode proclamar que o Estado español é pacifista e, ao tempo, presentarse na OTAN facendo alarde do elevado nivel de cumprimento dos seus compromisos militares e da modernización das capacidades de guerra da Alianza".
Rego advirte que "a carreira armamentista impulsada pola OTAN acabará pagándoa a maioría social". "Cada novo compromiso militar significa menos recursos para sanidade pública, educación, dependencia, pensións ou políticas de vivenda." alerta.
O BNG critica tamén o comportamento do Secretario Xeral da OTAN, Mark Rutte, no que considera unha mostra máis da "submisión da Alianza aos intereses da Administración estadounidense". "A OTAN actúa cada vez con menos autonomía política e máis como instrumento da estratexia internacional dos Estados Unidos, e o Goberno do Estado non pode seguir asumindo decisións que afastan Europa da Paz e encamíñana cara a unha espiral permanente de militarización" sinala.
"O Goberno debe rectificar e renunciar ao incremento do gasto militar para destinar máis recursos a investimento social, en vivenda, dependencia, sanidade ou educación. Exiximos que abandone a propaganda, que deixe de ocultar información e que explique con total transparencia todos os compromisos asumidos na cimeira da OTAN. A cidadanía ten dereito a saber canto custará esta nova escalada militar e por que o Executivo continúa antepoñendo os intereses da Alianza Atlántica ás necesidades da maioría social" sentenza Néstor Rego.