parlamento galego

BNG acusa o Goberno do PP de recortar 5 M € no SAF para cargar nas mulleres os coidados da dependencia “por 2 pesos”

Olalla Rodil

Rodil: “Este é o estilo Rueda, non crer nos coidados nin nos servizos públicos, velos como un nicho de negocio ou algo para asumir na casa”

O Pleno debaterá a proposta do Bloque para subir a 20€/hora a cantidade que reciben os concellos para o SAF, que xa custa unha media de 23,6 €/h

A viceportavoz do BNG no Parlamento, Olalla Rodil, acusou o PP de recortar en cinco millóns de euros as axudas para o Servizo de Atención no Fogar (SAF) e derivalos pagar “axudas míseras” de 400 euros ao mes por coidar persoas dependentes na casa, unha cantidade que —subliñou— é menos dunha Risga e menos da metade do Salario Mínimo Interprofesional.

“Este é o mellor reflexo do estilo Rueda, do modelo do PP: privatizar e devolver os coidados ao fogar para que sexan as mulleres, maioritariamente, as que coidan ás persoas dependentes por dous pesos”, denunciou Rodil durante a presentación da iniciativa que o BNG defenderá mañá no Pleno para solicitar o incremento da financiación que reciben os concellos polo SAF, até chegar en dous anos aos 20 euros por hora de servizo.

Rodil emprazou o PP a aceptar esta proposta e demostrar que “de verdade cre no estado de benestar e que acredita os coidados como un dereito”, advertindo que até o de agora as súas políticas e as decisións que está tomando desde a Xunta “van en sentido contrario” e teñen “un obxectivo claro: colapsar e dinamitar o servizo público para devolver os coidados ao ámbito privado ou privatizado”.

 “O PP está desmantelando a dependencia como servizo público” porque “nunca creu nos coidados nin no sistema público e sempre veu nisto u nicho de negocio para un puñado de empresas ou no seu defecto algo que asuma cada quen na súa casa”, criticou.

A proposta “concreta e realista” que a viceportavoz nacionalista defenderá no Pleno ten por obxectivo aliviar a “enorme carga económica” que están soportando actualmente os concellos e garantir a viabilidade do SAF, así como o benestar das persoas usuarias e mellores condicións laborais e salariais para as súas traballadores.

Para iso, o BNG propón no inmediato e con carácter retroactivo, desde o 1 de xaneiro deste 2025, incrementar até os 17 euros a hora o financiamento da Xunta. A partir deste ano, o aumento sería progresivo até acadar os 20 € a hora en 2027, permitindo deste xeito que os concellos podan seguir prestando un servizo que deben soster economicamente Xunta e Estado e  que xa ten un custe real de 23,6 €, segundo un estudo feito pola Fegamp.

“No BNG temos claro que o benestar nin os coidados non son un negocio nin poden ser un privilexio de quen poida pagalo”, precisou a viceportavoz do BNG, contrapoñendo a alternativa nacionalista o proceso de privatización que, en xeral, está a facer o Executivo da Rueda cos servizos públicos, cun sistema no que o 80 % das prazas das residencias de maiores está en mans privadas ou no que as últimas residencias que se construíron son as que fixo a Fundación Amancio Ortega e que a Xunta privatizou “en canto recibiu as chaves”.

Tras lembrar a privatización dos centros 24 horas de atención ás vítimas de violencia machista ou dos centros para persoas con discapacidade, que en Galiza son 262 e deles só son públicos 23, a deputada do BNG enmarcou nese  mesmo “modelo PP” as medidas “estrela” das que os populares “sacan peito” para devolver os coidados das persoas dependentes ao fogar “e que na maior parte dos casos sexan as mulleres as que por dous pesos coiden a un familiar ou un veciño”.   

Destacou, neste punto, que por primeira vez desde que se aprobou a Lei da Dependencia hai case 20 anos, as axudas asistencias para que un familiar ou un veciño coide no fogar a unha persoa dependente supera o número de persoas usuarias do SAF, lembrando deste xeito que “o PP permite o acceso a prestacións económicas por coidados na contorna familiar a persoas que nin sequera viven coa persoa dependente”. “Que alguén me explique como se garante que esa persoa está ben atendida”, apostilou.  

“Parece que viviramos nos anos 80!”, criticou, advertindo que “garantir o benestar, os dereitos e unha calidade de vida digna ás persoas con discapacidade ou en xeral con dependencia non pode recaer no lombo das familias ou na responsabilidade de entidades sociais. Ten que ser unha responsabilidade que asumamos colectivamente como se garante o dereito á saúde ou o dereito á educación a través do servizo público”.