BNG acusa o Goberno do PP de encarecer a vivenda protexida un 40% ata situar nalgún caso o prezo por riba do mercado libre
En Pontevedra atópanse á venda pisos de obra nova por 175.000 euros e un inmoble de dimensións similares en réxime xeral de VP costaría 198.000 €
Alexandra Fernández denuncia que as políticas da Xunta favorecen a promotores e construtoras e fan imposible o acceso ás rendas máis baixas
A deputada do BNG Alexandra Fernández denunciou este xoves que nos dous últimos anos o prezo da vivenda protexida subiu de media un 40 % en Galiza , un aumento “desproporcionado e inxustificado” co que o Goberno do PP fai imposible o acceso das rendas máis baixas a un piso en réxime de protección.
Só tomando en consideración a suba do 2024, o prezo dunha vivenda protexida de tamaño medio custa agora entre 26.487 e 42.379 euros máis que hai un ano, subliñou a deputada nacionalista durante o debate en comisión dunha iniciativa para reclamar, entre outras cuestións, que se baixen os prezos máximos de venda e renda da vivenda protexida de protección autonómica, co fin de garantir a súa accesibilidade.
Enmarcada nunha estratexia para facer da vivenda protexida un “negocio rendible para promotores e construtores”, as subas aprobadas de maneira arbitraria polo Goberno do PP fixeron que os prezos da vivenda protexida se sitúen hoxe case ao mesmo nivel que os da vivenda libre. Con ese incremento de prezos, subliñou Alexandra Fernández, unha vivenda en réxime concertado localizado nunha das zonas de Prezo Máximo Superior alcanzaría os 240.160, ou 203.067 en réxime especial orientado ás rendas máis baixas.
A suba, que é continua desde o 2021, provocou ademais que haxa xa vivenda protexida por riba do prezo de mercado, destacou Fernández, quen se remitiu a unha busca rápida nos principais de venda de inmobles para apuntar casos concretos en Pontevedra, Monforte ou Narón. En Pontevedra, por exemplo, atópanse á venda pisos de obra nova de 98m2 por 175.000 euros no mercado libre. Este mesmo piso, engadiu, estaría nos 197.952 euros en réxime xeral de VP ou en 182.574 en réxime xeral. En Monforte, un piso de protección en réxime especial pode chegar a ser 32.000 euros máis caro que no mercado libre.
Pura especulación alimentada con recursos públicos
“O feito de que se atopen vivendas das mesmas dimensións por prezos iguais ou incluso inferiores evidencia que o incremento de prezos non se axusta, ou non se xustifica, polo incremento dos custes de construción, porque non mercado libre ninguén constrúe a perdas”, advertiu a deputada nacionalista, que acusou o PP de “estirar ao máximo o valor da vivenda protexida para incrementar ao máximo a rendibilidade de promotores, alimentando ademais a actual burbulla de prezos”.
No mesmo sentido, salientou que a vivenda protexida recibe ademais subvencións públicas -a última convocatoria contempla ata 50.000 euros- para “supostamente” lograr prezos máis accesibles. “Pura especulación alimentada con recursos pública onde non hai fin social”, reprobou.
O incremento dos indicadores do IPREM e a propaganda falsa
Alexandra Fernández afirmou que os prezos da vivenda protexida están hoxe moi lonxe da capacidade adquisitiva das rendas máis baixas e, máis en concreto, daquelas unidades con ingresos máximos de 2,5 veces o IPREM. Segundo apuntou, para unha familia cuns ingresos anuais brutos por debaixo dos 26.250 euros é case imposible endebedarse para amortizar un piso de 203.067 euros, destinando menos do 30 % dos seus ingresos en 30 anos.
O feito de que a Xunta convertese a vivenda protexida en inalcanzable é precisamente, engadiu, ou que explica o anuncio desta semana no Consello da Xunta de aumentar os indicadores do IPREM para poder solicitar este tipo de vivenda. “Súbenos para que haxa alguén que poida acceder despois de meterlle unha suba desproporcionada e inxustificada”, criticou, dando por feito que quen cobra menos de 2,5 veces o IPREM, que era o tope ata agora para o réxime especial, non vai ter alternativa na vivenda protexida.
“Na Xunta son conscientes de que coa suba dun 40 % de prezos, o esforzo económico é tal que as entidades non dan crédito. Por tanto, promotores e entidades financeiras estarán pedindo que se axusten as rendas dos futuros compradores”, afondou.
A deputada nacionalista defendeu coa súa iniciativa que se establezan indicadores de seguimento dos custes de construción, así como da accesibilidade á vivenda e dos factores que a condicionan. Así mesmo, reclamou un estudo económico do impacto dos prezos máximos de venda e renda da vivenda protexida sobre os prezos do mercado libre e sobre a accesibilidade, nun hipotético desenvolvemento de 20.000 vivendas protexidas. Finalmente, defendeu unha baixada dos prezos máximos de venda e renda da vivenda protexida de protección autonómica e axustar os prezos de licitación da construción da vivenda protexida.
“A xente merece máis que propaganda falsa, merece un goberno que deixe de beneficiar sempre aos mesmos facilitando que se faga negocio cun dereito fundamental como é o da vivenda”, concluíu a deputada nacionalista.
A iniciativa non saíu adiante porque o PP votou en contra.