BNG acusa o Executivo de Rueda de non facer nada para atraer investimentos que palíen a crise da automoción
Ramón Fernández: “Son o único goberno do mundo que non moveu un dedo por lograr unha fábrica de baterías ou algún outro grande proxecto”
Critica que a Xunta dea xa por perdidos os empregos do CTAG: “O persoal xa se ve facendo cursos para traballar na hostalería durante o Xacobeo”
O deputado do BNG, Ramón Fernández, denunciou na Comisión de Industria a pasividade da Xunta para frear a crise que está a sufrir o sector da automoción en Galiza, malia ser este fundamental para a economía galega. “Son o único goberno do mundo que non moveu un dedo por lograr unha fábrica de baterías ou algún outro grande investimento que garanta un futuro dun sector, o da automoción, do que Galiza é altamente dependente”, asegurou.
Nunha pregunta ao secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez, o deputado nacionalista advertiu que en Galiza “estamos perdendo a carreira da transición enerxética” no sector, quedando á marxe dos grandes investimentos que se están a realizar no Estado.
Lembrou, neste punto, que Volkswagen vai inaugurar un ano unha fábrica de baterías en Sagunto; en Cataluña, a empresa china Chery xunto con Ebro vai fabricar vehículos eléctricos nas antigas instalacións de Nissan na zona franca e vai instalar en Cornellá de Llobregat un centro de investigación e desenvolvemento; a empresa xaponesa AESC vai instalar en Estremadura unha fábrica de baterías; e Stellantis, “santo e seña do sector da automoción galego”, vai fabricar baterías xunta coa china CATL en Zaragoza.
Mentres tanto, denunciou, os anuncios relacionados coa automoción en Galiza, diante da pasividade da Xunta, son de deslocalización da produción e regulacións laborais, como a anunciada no Centro Tecnolóxico da Automoción de Galiza (CTAG) que, despois de reducir 200 empregos no último ano, vén de anunciar o despedimento de 150 persoas e a suspensión do contrato durante medio ano para outras 700.
Sobre os efectos da crise no CTAG, que tamén afecta a persoal “supercualificado”, o deputado do BNG criticou que até o de agora a resposta da Xunta fose ofertar formación ás persoas despedidas, deixando claro que “non ten pensado facer absolutamente nada”. “Os e as traballadoras xa se ven reciclándose e facendo cursos para traballar na hostalería e no Xacobeo”, denunciou.
Ramón Fernández referiuse á dependencia de Stellantis como un dos grandes problemas para a automoción en Galiza, reprobándolle ao Goberno de Rueda que delegue a súa estratexia neste sector “aos intereses particulares deste gran fabricante”. Ata tal punto, engadiu, de que a única explicación de que a Xunta non loitase pola fábrica de baterías que finalmente irá para Zaragoza é que “a Stellantis non lle interesa a factoría aquí”.
“Todo o mundo entende que o goberno ten que axudar a unha fábrica da potencia e da incidencia social de Stellantis en Galiza, pero non supeditar o futuro dun sector tan importante aos intereses particulares dun único gran fabricante”, destacou dirixíndose ao secretario xeral, ao que lle afeou a súa negativa a pronunciar nin tan sequera a palabra “crise” para falar da situación do sector da automoción no País.
13 deputados no Congreso sen peso político
Ramón Fernández criticou así mesmo a falta de peso político dos deputados do PP no Congreso para reclamar un mellor deseño dos PERTES. “Renuncian vostedes a exercer a representación política que lles outorga o pobo galego para ben do pobo galego”, afirmou, lembrando que entre os 13 deputados populares na Cámara baixa están o líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, ou a súa man dereita, Miguel Tellado. “Pero o que pasa aquí dálles igual, agora están máis preocupados por cambiarlle o presidente aos e as valencianas”, lamentou.
Entre outras cuestións, Ramón Fernández preguntoulle ao alto cargo de Industria pola falta de liñas de axuda e subvencións atractivas para o sector, por que a Consellería non se reuniu cos comités de empresa con empregos en risco, se pensa a Xunta endurecer as condicións para aplicar ERTE ou por que o sector auxiliar está quedando relegado ás actividades intermedias da cadea de valor.
O deputado do BNG reclamou medidas contra a deslocalización de actividades a través de recursos públicos e unha mesa sectorial permanente na automoción que avalíe as necesidades do sector de xeito continuado, tomando as decisións axeitadas e novas accións dentro do plan director.