parlamento galego

BNG acusa ao PP de deixar fóra a Galiza da UNESCO por "intereses partidistas”

Cristina Fernández
Cristina Fernández preguntou se o Goberno galego rectificará a súa decisión de non solicitar a adhesión como membro asociado, tras a entrada de Cataluña e Euskadi

A deputada do Bloque Nacionalista Galego, Cristina Fernández Davila, preguntou esta tarde o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, sobre a negativa da Xunta a tramitar a solicitude para que Galiza forme parte, como membro asociado, da UNESCO. Unha adhesión que xa anunciaron para Cataluña e Euskadi e que o goberno do PP rexeitou.

A deputada recordou que, para este fin, xa se modificou a Constitución da UNESCO para admitir membros asociados sen competencias en política exterior, como as Illas Feroe (Dinamarca) ou Nova Caledonia (Francia). "A decisión do Goberno galego deixa fóra a Galiza desta nova oportunidade", sinalou.

"Por que a Xunta deixa pasar esta oportunidade? Porque vai en contra dos intereses do PP en Galiza. Intereses económicos e partidistas para beneficiar aos lobbies", afirmou.

Davila salientou que a UNESCO "impulsa sistemas educativos de calidade, loita contra o cambio climático, as desigualdades ou o retroceso democrático", valores que son "contrarios á ideoloxía do PP ao fronte do Goberno da Xunta". "Quen fai recortes na educación, apoia á industria que contamina ou usa as institucións de xeito antidemocrático, non vai estar de acordo en que Galiza teña voz propia para democratizar este país", sentenciou.

Finalmente, lembrou esta decisión á "renuncia" do presidente Alfonso Rueda a apoiar a oficialidade do galego nas institucións europeas. "Vostedes saben de control ideolóxico, mais non recoñecen a identidade propia da Galiza. Ese é o problema", concluíu.

Polo tanto, a deputada fixo a seguinte pregunta directa ao conselleiro: Vai o goberno da Xunta rectificar a decisión tomada e, tendo en conta a Estratexia galega de acción exterior 2025-2029, tramitar a solicitude para que Galiza forme parte da UNESCO?".