parlamento galego

BNG acusa ao Goberno do PP de vender o mar “ao mellor postor” e deixar afundir o sector pesqueiro e marisqueiro

Rosana Pérez
Rosana Pérez

Rosana Pérez urxe na Cámara un plan para o saneamento, rexeneración e recuperación integral das rías. Advirte do “brutal” descenso na produción de ameixa e berberecho  

A deputada do BNG Rosana Pérez acusou hoxe ao Goberno do Partido Popular de “afundir cada vez máis ese ‘noso mar’ que din defender e venderllo ao mellor postor”. Fíxoo durante a defensa dunha proposición non de lei no Pleno do Parlamento na que censurou a “propaganda abafante” da Xunta cun sector -o pesqueiro e marisqueiro- ao que se está deixando “agonizar” e “desangrar” ano tras ano en postos de traballo e no que respecta ao seu peso na economía galega.       

O BNG instou ao Goberno do PP a presentar, nun prazo de seis meses, un plan para o saneamento, rexeneración e recuperación integral das rías galegas. E esixiu tamén na súa iniciativa un plan estratéxico de estudo e recuperación do marisqueo para afrontar, entre outras cuestións, os niveis de  mortalidade rexistrados nalgunhas especies, a falta de subministro de semente, a escaseza de capturas, o peche de bancos de libre marisqueo, a caída de ingresos, a perda de postos de traballo ou a necesaria remuda xeracional.

A parlamentaria nacionalista sostivo que dende a Xunta “non se está a tratar nin con rigor e moitísimo menos cos medios humanos, económicos e tecnolóxicos que compren” a situación que se vive no sector e que a Consellería do Mar segue a “enmascarar ata límites que xa parecen unha burla”. “Non recoñecen os datos oficiais respecto da brutal perda de produtividade, non escoitan aos traballadores e traballadoras do mar, actúan coa desidia e inercia de sempre, como se non pasase nada”, lamentou Rosana Pérez.

A parlamentaria nacionalista botou man dos datos oficiais para advertir, por exemplo, que entre 2011 e 2021 o volume de produción de ameixa e berberecho reduciuse en 2.700 toneladas, e que en xaneiro deste ano vendéronse en lonxa só 263 toneladas destas especies fronte as 423 comercializadas cinco anos atrás. Alertou asemade de que o número de postos de traballo no subsector da pesca e a acuicultura pasou de 33.481 no ano 2000 a 19.414 en 2020 (un 43 % menos en vinte anos). Ou de que entre 2005 e 2020 a cifra de buques pesqueiros con porto base en Galiza caeu un 20 % (de 5.391 a 4.318), redución esta que afectou sobre todo ás artes menores (847 menos).       Baixou tamén, proseguiu durante a súa intervención ante o Pleno, o número de permisos de marisqueo a pé (un 27,4% en quince anos).  

Pola contra, expuxo, Francia logrou aumentar as súas exportacións a España de ameixa e berberecho (de 2,4 toneladas en 2019 a 7 o ano pasado) e Portugal pasou de 5,4 toneladas no 2019 a 6,5 no 2021.

“A sangría é un clamor”, subliñou Rosana Pérez, quen advertiu de que “mentres pasa todo isto cos sectores produtivos que manteñen un auténtico armazón de actividade social e económica nos pobos costeiros, o Goberno galego abre as portas de par en par a actividades, sectores e industrias que prexudican gravemente as actividades tradicionais, que prexudican e destrúen os ecosistemas mariños e que ocupan cada vez máis espazo expulsando ao sector pesqueiro e marisqueiro”.

Rosana Pérez afondou nesta cuestión ao precisar que a Lei do Litoral, aprobada hoxe polo PP, “non recoñecía como estratéxico o sector do mar pero si pon a alfombra vermella á eólica mariña”. Esta norma, engadiu, forma parte dunha batería de actuacións que van na dirección de “recortar dereitos ambientais e incentivar e promover e axilizar actividades empresariais -véxase Altri, mina de San Finx ou mina de Touro- que van en claro detrimento de actividades verdadeiramente sostíbeis como a pesca e o marisqueo”. 

A nacionalista finalizou a súa intervención acusando a Consellería do Mar de practicar o  “negacionismo permanente” por non dar credibilidade aos datos xerados pola propia Xunta e non atender ás demandas dun sector que é prioritario para o país, “que ocupa e preocupa a miles de persoas e afecta a miles de familias”.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG