BNG actívase cara as municipais cun obxectivo: conseguir máis alcaldías e ter máis representación en todos os concellos
Pontón pon o foco no modelo municipal do Bloque, o mellor aval para pedir a confianza da veciñanza e seguir ampliando a base social e electoral
Pide a Rueda que tome medidas contra a alza de prezos, derivada dunha guerra ilegal que o PP apoiou. “Onde están as axudas da Xunta?”, interpela
O BNG actívase cara as eleccións municipais de 2027 co obxectivo “moi claro” de conseguir máis alcaldías e aumentar a representación con máis concelleiros e concelleiras ao longo e ancho do País co seu modelo municipal como “mellor aval” para pedir a confianza da veciñanza e seguir ampliando a base social e electoral do Bloque.
Así o asegurou a portavoz nacional, Ana Pontón, durante a súa intervención no Consello Nacional, e a pouco máis de un ano de que se celebren os vindeiros comicios municipais, destacando a importancia de “traballar con planificación, anticipación e en contacto directo coa cidadanía”.
Nesta liña, o máximo órgano entre asembleas vén de aprobar unha programación para “activar a organización” e chegar con todo punto á cita coas urnas. A folla de ruta inclúe a designación antes da celebración do Día da Patria das persoas que encabezarán as candidaturas nas sete cidades, así como as dos concellos nos que o BNG ten a alcaldía e nos que forma parte do goberno local. Tamén contempla unha intensa axenda de mobilización municipal coa celebración dun encontro nas grandes cidades, outro de gobernos e cogobernos municipais do BNG e un terceiro gran encontro nacional municipal multitudinario como gran pistoletazo de saída de cara á os comicios de 2027.
Para conseguir o obxectivo de aumentar as alcaldías e a representación de concelleiros e concelleiras, Pontón asegurou ter “o mellor aval posible: o modelo municipal de calidade do BNG que transforma en positivo e mellora a vida das persoas”. Puxo en valor o feito de que o BNG demostra cada día que non está nos gobernos locais “para quentar a cadeira” nin para “xestionar desde a rutina”, ao contrario, os concellos do BNG “prosperan, gañan dinamismo económico e social, avanzan en igualdade, en xustiza social, na promoción da nosa lingua e cultura, con espazos públicos de calidade”, recalcou.
“Prosperan porque poñen as persoas no centro, construíndo barrio, defendendo os servizos públicos dun PP que recorta e privatiza a costa da saúde, da igualdade e dunha vellez digna”, explicou.
Alén diso, afirmou que “para o BNG, gobernar un concello tamén é construír país, é demostrar que Galiza pode ser mellor se se gobernan os concellos con confianza, ambición e visión estratéxica do que queremos para as nosas vilas e cidades”, e engadiu que “esa demostración diaria é o mellor aval para pedirlle á cidadanía que confíe en nós cando toque elixir os seus alcaldes e alcaldesas”.
A portavoz nacional exemplificou co que o BNG fai en cada concello o que quere para todo o País: “unha Galiza máis igualitaria, máis moderna, máis respectuosa co territorio, máis innovadora, máis feminista e máis orgullosa de si mesma”, sinalando a necesidade de “seguir sumando nos municipios, tocar en máis portas, chegar a máis sensibilidades e a máis sectores sociais” para darlle a Galiza un goberno “en clave de País, que teña a cabeza e o corazón aquí”.
Apuntou ás municipais como “outra oportunidade para seguir consolidando o avance do BNG” e subliñou que ese avance “depende de cada un e cada unha de nós, da nosa capacidade de falarlle claro á veciñanza, de explicarlle o noso proxecto e de tender pontes coas persoas que hoxe nos miran con esperanza pero que aínda non deron o paso de coller a papeleta do BNG”.
Neste sentido, afondou no aval que supoñen os gobernos municipais do BNG e que queren estender a máis concellos, baseándose no “contacto directo cos veciños e veciñas, buscando a complicidade dos movementos sociais, culturais e veciñais das nosas vilas e cidades”.
“Temos que poñer do noso lado todos os galegos e galegas que comparten a idea de que é posible construír unha Galiza con futuro e con ese reto empezamos a traballar desde agora mesmo ate maio de 2027”, emprazou.
Escudo social galego que evite as consecuencias da guerra ilegal
A portavoz nacional comezaba a súa intervención ante os medios no Consello Nacional facendo referencia ás palabras do filósofo italiano Antonio Gramsci: “cando o vello mundo non acaba de nacer e o vello acaba de morrer é cando aparecen os monstros”, para ilustrar que os monstros “actúan con total impunidade e queren impoñer a lei da selva, tal e como fai Israel e EEUU, que, despois de cometer e permitir un xenocidio en Gaza, bombardean agora Irán, desprezando os organismos e o dereito internacional”, expuxo.
“Como non arrepiarse co asasinato de 140 nenas iranís bombardeadas na súa escola de primaria? Como non arrepiarse coa violencia sionista e Palestina, que executa familias no seu coche, con total impunidade, e que lles rouba as casas para dárllelas aos colonos israelís?” reflexionou.
Unha guerra que Pontón cualificou de “imperialista e ilegal” e que foi xustificada polo PP desde o primeiro minuto: “O PP sempre no lado equivocado da Historia: hai vinte anos, coa foto criminal dos Azores, hoxe do lado dun imperialista criminal como Trump e dun xenocida como Netanyhu”, expresou, para proclamar a continuación “non á Guerra, non ao imperialismo!”.
Recalcou que no BNG “defendemos a paz e o respecto a todos os pobos do mundo e a resolución pacífica dos conflitos a través do diálogo e da negociación”, así como “a legalidade internacional como muro de contención contra a barbarie da lei do máis forte que queren impoñer os señores da guerra”. Advertiu que “aínda que as bombas caian a miles de quilómetros, tamén nos afectan, deixando un mundo máis inxusto, inseguro e poñéndonos en perigo”.
Neste sentido, sinalou que as guerras son aproveitadas polos mesmos que as provocan para “sacar tallada” e facer caixa á costa da morte de miles de seres humanos e dos sufrimento das maiorías sociais. Referiuse así ás enormes subidas dos combustibles —ata un 26% máis caro— ou aos custos de produción disparados dos gandeiros a causa da especulación co gasóleo agrícola, que aumentou un 50% nun tempo récord.
“A guerra ilegal de Trump, que o PP apoia, está provocando unha suba dos prezos insoportable para as familias, gandeiros e a clase traballadora no seu conxunto. E que fai Rueda? Botar balóns fóra e esconderse negándose a comparecer no Parlamento; cruzarse de brazos e buscar a quen botarlle a culpa en lugar de aportar solucións”, criticou a líder do BNG.
Recalcou a prioridade que ten para o BNG este asunto porque “afecta directmente á vida de miles de galegos e galegas”. Por iso, demandoulle ao goberno do Estado que “vaia máis alá na responsta a esta crise, apostando por frear a suba dos alugueiros e das hipotecas, controlar a especulación con gas ou gasolina, eliminando as peaxes da AP-9 ou facendo que as grandes empresas aporten máis, con impostos á banca ou ao lobby eléctrico.
Pero se as medidas estatais lle parecen “insuficientes”, as do PP na Xunta son “inexistentes”, polo que a portavoz nacional anunciou que o BNG levará ao Parlamento a proposta dun escudo social galego que evite as consecuencias da guerra ilegal “as paguen os e as de sempre, a clase traballadoras e as maiorías sociais”.
Pontón emprazou a “actuar con decisión e urxencia”, en primeiro lugar, con axudas directas para os sectores máis afectados: transporte, pesca e agro-gandeiro, especialmente vulnerables á subida do combustible. En segundo lugar, coa posta en marcha dun bono que permita usar todos os transportes públicos por 30 euros ao mes.
O paquete de medidas do Bloque tamén pasa por levantar as peaxes das autoestradas que dependen da Xunta e duplicar o complemento autonómico para as pensións non con-tributiva.
Por último, o BNG reclama a creación dun fondo extraordinario para os concellos, que van ver como se incrementan os custes da prestación de servizos, así como a posta en mar-cha de liñas de crédito e apoio ás pequenas e medianas empresas para paliar a suba de prezos.
“Fronte a un Rueda cruzado de brazos, as propostas concretas dun goberno alternativo do BNG para axudar a cidadanía galega nun momento de crise”, contrapuxo Pontón.
Neste apartado, no que se centrou en criticar a guerra ilegal de EEUU contra Irán, a líder do BNG pediu non esquecer Palestina, onde o goberno terrorista de Israel segue asasinando a poboación cada día, “por moito que o PP negue ese xenocidio”, advertiu, emprazando despois a seguir dicindo alto e claro: da terra ao mar, Palestina vencerá”.
Unha batalla tras outra
Noutra orde de cousas, Ana Póntón quixo poñer en valor as leccións de dignidade que a cidadanía galega non para de darlle ao Goberno do PP “máis desleal da historia”, gañando unha batalla tras outra a base de loita e mobilización. “Demostrouno plantándolle cara a Altri e, máis recentemente, gañándolle outra gran batalla aos Franco, recuperando para o público o Pazo de Meirás, “símbolo do espolio, da impunidade e da negación da nosa historia”, e subliñou que isto foi posible “pese a un goberno do PP que non moveu un dedo para que Galiza recuperase o que era seu”.
Ao contrario —matizou—o que fixo foi darlle subvencións á Fundación Franco que usaba o pazo para facer apoloxía do ditador e da ditadura”. O mesmo goberno do PP, engadiu, que, con Feijóo encargou un informe que lle permite agora á familia Franco reclamar unha indemnización. “Por iso este trunfo é pese aos paus nas rodas do PP”, concluíu.
Afirmou sentirse “tremendamente orgullosa” do pobo galego e dun BNG que sempre está ao seu carón. “Fixémolo coa bomba ambiental de Altri e na loita contra o franquismo sen Franco, mesmo soportando denuncias e xuízos”, en alusión aos 19 de Meirás.
Ana Pónton rematou a súa intervención lembrando a Paco García, ex alcalde de Allariz finado este ano. “Se estivese aqui, diría, adiante BNG!”.