BNG acorda co Goberno levar adiante o estudo sobre a produtividade das Rías Galegas

Néstor Rego

Néstor Rego anuncia a incorporación desta cuestión no Real Decreto-lei anticrise sobre medidas complementarias de apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro galego

O deputado do BNG valora positivamente a introdución desta cuestión para atallar e resolver a perda de produtividade que sofre o sector marisqueiro

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, consegue a incorporación no Real Decreto-lei de medidas anticrise a incorporación de medidas en defensa do sector marisqueiro galego. Segundo recolle o texto, o Goberno impulsa o estudo exhaustivo sobre a produtividade das Rías Galegas co obxectivo de determinar as causas da perda de produtividade e as medidas precisas que se deberán aplicar para restauralas.

A realización deste estudo científico constitúe un dos acordos alcanzados entre o BNG e o Goberno do Estado como medida complementaria de apoio ao sector pesqueiro e marisqueiro galego e a súa incorporación no RD-lei materialízaa, dando resposta a unha das principais demandas do sector marisqueiro galego ante a situación crítica que atravesan as Rías.

Neste sentido, Néstor Rego explica que o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación encargará ao Instituto Español de Oceanografía, que conta con dous centros de referencia na Galiza, a elaboración dun estudo exhaustivo sobre a produtividade das Rías Galegas.

"Trátase de determinar con rigor científico o que xa é unha evidencia para o sector: a perda de produtividade das nosas rías. A partir dese diagnóstico será posíbel estabelecer as medidas correctoras e as actuacións necesarias para restaurar plenamente a súa calidade ambiental e recuperar a súa capacidade produtiva" destaca o deputado nacionalista.

O BNG salienta que este traballo permitirá contar con datos científicos sólidos para coñecer as causas da regresión da actividade marisqueira e orientar as políticas públicas necesarias para garantir a sustentabilidade das rías galegas, un dos principais motores económicos, sociais e ambientais do país.

Rego valora moi positivamente a incorporación desta medida ao Real Decreto-lei, ao considerar que "supón un paso importante para afrontar con seriedade un problema estrutural que leva anos afectando ao marisqueo e ao conxunto da actividade produtiva das Rías Galegas".

O deputado nacionalista subliña ademais que este acordo "demostra, unha vez máis, a utilidade da forza política que representa o BNG en Madrid". "Cando o BNG ten capacidade de negociación, consegue avances concretos para a Galiza e para os seus sectores produtivos" sentenza.