BNG achaca a proliferación de incendios forestais que se está a rexistrar estes días á política de abandono do rural do PP

Montse Valcárcel

Montse Valcárcel esixe a Medio Rural un cambio de modelo: “A chave da loita contra os lumes é a prevención pola vía da xestión do territorio”

 A deputada e portavoz de Montes e Industrias Forestais do BNG no Parlamento, Montse Valcárcel, achaca a proliferación de incendios forestais que se está a rexistrar nos últimos días no País ás políticas de abandono do rural do Goberno do PP, cunha xestión forestal e un ordenamento do territorio que, asegura, “non son máis que unha entelequia e unha operación de marketing” no que ten que ver coa loita contra o lume.

Diante da situación de alto risco por incendios e os episodios de lumes incontrolados e situacións de alerta como a vivida na Caniza, a deputada nacionalista quixo en primeiro termo enviar unha mensaxe de solidariedade á poboación afectada e subliñar, ademais, o traballo que está a facer estes días o persoal do Servizo de Prevención de Incendios, do que destacou o seu labor, entrega e asunción de riscos.

Porén, advirte que “a chave da loita contra os incendios forestais é a anticipación aos mesmos pola vía da xestión do territorio rural cunha actividade agrícola, gandeira e forestal sustentable e respectuosa co medio ambiente”, engadindo que isto non é contrario á unha rendibilidade axeitada dos montes.

Considera, neste sentido, que se ben é innegable que o aumento das temperaturas provocado polo quecemento global e o cambio climático favorece as condicións para a propagación dos incendios forestais, unha das principais razóns polas que se producen estes é polo despoboamento e o abandono do noso rural e das propiedades forestais, “unha realidade tanxible e preocupante”.

“Nun rural abandonado, cun envellecemento da poboación e sen continuidade das explotacións agrogandeiras, xunto cunha escasa valoración do monte e a desaparición de arbores autóctonas caducifolias temos o caldo de cultivo para o lume”, afirma.

A deputada do BNG considera imprescindible reducir ao máximo a incidencia dos incendios provocados intencionalmente ou por neglixencias, nos que a causa é unha inadecuada xestión forestal. De aí que esixa á Consellería de Medio Rural que pase dun modelo “que da prioridade aos investimentos en dispositivos de extinción, que ignora os efectos do quentamento global e a acumulación da biomasa” a outro “no que aposte por promover paisaxes rurais vivos, rendible pero moito menos inflamables”.

“A xestión forestal, o ordenamento do territorio por parte do goberno do PP na Xunta é unha entelequia, unha operación de marketing para dicir que fan e que presumen da Galiza verde, pero insignificante na práctica, iso que unha porcentaxe é de monte público na que deberían dar exemplo”, denuncia.

Altri, un risco máis para pechar o círculo perfecto da problemática do lume

Montse Valcárcel advirte, ademais, que o “círculo perfecto da problemática do lume” péchase en Galiza coa “insistencia” por parte do Goberno de Rueda de instalar Altri na Ulloa, empresa pasteira que vai demandar uns 1,2 millóns de toneladas de eucaliptos, co risco que iso supón. “O exemplo do que suporía Altri para nós témolo ollando para Portugal, o país do mundo onde hai máis superficie con eucaliptos, especie pirófita que ademais está rodeada de moita biomasa sen control, e con acacias e pinos que tamén favorecen a extensión dos lumes”, explica a deputada do BNG, que conclúe preguntándolle o PP: “Iso é no que a Xunta quere converter Galiza”?.