BNG acada o pronunciamento unánime do Parlamento galego a favor da intervención pública de Alcoa en San Cibrao

Mon Fernández
Mon Fernández
Mon Fernández advirte ao Goberno central que a solución para a planta da Mariña pasa pola intervención da SEPI, aínda que sexa temporal  

BNG acadou en pleno parlamentario o pronunciamento unánime da Cámara galega en favor da intervención pública de Alcoa en San Cibrao ao apoiar todas as forzas a iniciativa nacionalista pola que se insta á Xunta a demandar do Goberno central a intervención na factoría, inicialmente de forma transitoria e a través da SEPI, coa fin de asegurar o mantemento do emprego e da actividade industrial e facilitar a súa posterior venda a un inversor privado que garanta un proxecto industrial viable.

A proposición non de lei do BNG, pola que tamén se insta ao Executivo galego a reclamar ao estatal a participación de ámbalas dúas administracións no proceso de intervención, foi defendida polo portavoz de Industria, Mon Fernández, quen explicou que con esta proposta “o que solicita o BNG a este Parlamento é unha nova manifestación de vontade política a favor dunha solución definitiva e inequívoca para a fábrica de San Cibrao”.

“Unha solución que pasa necesariamente pola intervención da SEPI”, recalcou, logo de recriminar a actitude do Goberno estatal que decidiu agora negar dita intervención, cando os acordos adoptados neste sentido no Parlamento galego, no Congreso, na Deputación de Lugo e en todos os concellos da comarca “foron sempre mediante votacións unánimes a favor”.

Logo de referirse aos precedentes de Alcoa nas fábricas da Coruña e Xixón, Fernández apelou á obrigada “vontade política, decisións claras e solucións”, máis xusto agora, cando “á luz destes acontecementos, parece máis necesaria esa intervención pública para poder espantar os fantasmas e os temores”, polo que considerou a negativa do Executivo central como “un caneco de auga fría”.

“O persoal da fábrica e a xente da Mariña non merece este trato”, afeou, logo de poñer en valor a loita que mantén a sociedade de toda a comarca dende hai 400 días para asegurar o futuro da fábrica en San Cibrao. “Non podemos consentir agora que o Goberno do Estado se descolgue da solución e deixe tirada a toda unha comarca; o Goberno do Estado debe estar dando solucións, non enredando”, advertiu.

Neste sentido, Fernández amosou as reservas do BNG respecto da posición que finalmente levará a ministra a Pitsburg, polo que considerou moi necesaria a nova manifestación do Parlamento galego a favor da intervención xa que, segundo subliñou, “será a mellor mostra de cal é a posición en Galiza e na Mariña de cal debe ser a posición do Goberno do Estado a este respecto”.

“Estamos pola intervención, si, aínda que sexa temporal, para evitar os problemas provocados por solucións intermedias e fallidas xa probadas nas fábricas da Coruña e Xixón”, afirmou para engadir a continuación que a intervención é unha solución que está dando froitos en Italia ante un problema semellante, precisamente coa mesma empresa.

De igual xeito, o deputado nacionalista apuntou a esta saída ante o carácter estratéxico da planta e pola obriga do Goberno estatal de protexer o investimento e os recursos entregados ás diferentes empresas que foron titulares das fábricas da Mariña. “E estamos pola intervención porque os galegos e galegas tamén temos dereito a que os gobernos se impliquen na resolución dos nosos problemas, porque cos nosos cartos rescátanse bancos e autoestradas e con eles vanse pagar os fondos que cheguen da UE; así que temos todo o dereito, tanto como o que máis, a que os gobernos utilicen os instrumentos e os recursos públicos na solución dos nosos problemas”, rematou.  
 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG