parlamento galego

BNG acada o apoio unánime do Parlamento para reclamar ante o Estado a conxelación das peaxes da AP-9 e bonificar a AP-53

Luís Bará
Luís Bará
Luís Bará salientou a urxencia dunha AP-9 “galega e libre de peaxes” nun contexto de grande crise  económica para familias e transportistas

O BNG  acada o acordo unánime da Cámara galega para reclamar ante o Goberno central a conxelación das peaxes da AP-9 e a bonificación da AP-53.

O BNG non aceptou unha emenda do Partido popular por considerar que só pretendía defender a  prorroga concedida por Aznar no ano 2000 e en opinión do nacionalista, luís Bará,  o PP “non quere que se anule”.

O deputado, autor da iniciativa,  instou á Xunta a reclamar un compromiso ante o goberno central que impida a suba das peaxes da AP-9 e AP-53, pola súa grave incidencia nas economías familiares e  sectores económicos estratéxicos nun contexto de suba desmesurada dos prezos.

Ademais, Luís Bará  tamén demandou “ anular os convenios asinados en 2011 e 2013 coa concesionaria, atendendo ao ditame do Consello Consultivo, revisar e anular as  ampliacións da concesión da AP-9, atendendo ao requirimento da Comisión  e elaborar os estudos necesarios e adoptar as medidas  para conseguir, no prazo máis breve posíbel,  “unha AP-9 galega e libre de peaxes”.

A proposta do BNG tamén incluía  aplicar na AP- 53 “bonificacións das peaxes similares ás aprobadas para a AP-9”.

A iniciativa do BNG acadou o apoio unánime do Parlamento galego tras aceptar o texto nacionalista unha emenda do grupo socialista.

Prorrogas e ampliacións “baixo sospeita”

Na defensa da proposición non de lei, o nacionalista explicou  que as prórrogas outorgadas á concesionaria e  convenios asinados  para a ampliación da capacidade da autoestrada están “baixo sospeita”. A  Comisión Europea ,explicou o deputado, cualificou de “irregular” o procedemento, ao que sumou sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE que anularon ampliacións de concesión en supostos similares.  Por outra banda, sobre  os convenios asinados en 2011 e 2013 para a ampliación da Ponte de Rande e outras obras, o Consello Consultivo ditaminou a súa “ilegalidade”.
Recentemente, a concesionaria solicitou ao goberno central unha suba das peaxes do 9,38% para 2023. No caso de aprobarse, afirmou o nacionalista “ estaríamos diante da segunda maior suba das peaxes da historia” xa que ao mesmo tempo o Grupo Itínere coa concesión da AP-53 tamén solicitou “unha suba do 8,38”.

Un só deputado do BNG conseguiu rebaixar as peaxes

En resposta ao deputado popular, José Manuel Balseiro que puxo en alza o grande traballo do PP para rebaixar as peaxes, o deputado nacionalista reiterou que o obxectivo do BNG e conseguir “unha autoestrada galega e libre de peaxes” e rexeitou a emenda que pretendía introducir o  Partido popular ao texto do BNG.

Bará recalcou que a rebaixa das peaxes, póñase como se poña o PP, foi un “logro histórico do BNG” recoñecido mesmo polo goberno central e os medios de comunicación que no mes de xullo do ano 2021 titulaban: “o acordo do BNG de investidura nótase na rebaixa das peaxes”. Bará replicou a Balseiro que este “logro” é incuestionable e o PP debería ter a valentía de recoñecelo como fan os miles de galegos e galegas que día a día notan como a viaxe de volta lles sae gratis de peaxe na AP-9.

O deputado do BNG, tras criticar o nulo interese do Partido popular no Congreso pola AP-9 advertiu que o BNG sempre estará naqueles lugares nos que se debatan os intereses de Galiza e a súa defensa como ocorre coa reclamación para transferir esta infraestrutura. 

Bará asegurou que en Galiza temos máis km de autoestrada porque o PP concedeu unha prorroga de máis de 25 anos á concesionaria no ano 2000 e esa é a razón pola que “imos seguir pagando até o ano 48” senón o remediamos. Se o PP non concedera esta prorroga, “a autoestrada no ano 2023 sería gratis” e esa, dixo é a súa “responsabilidade” e terán que dar contas do “agasallo ao fondo de pensións APG e a Globalvia, outro fondo coa súa sede en paraísos fiscais”. Os galegos e galegas, grazas ao PP;  pagaremos para que a concesionaria obteña dende agora até 2048 un beneficio de 1.500 millóns de euros.

O deputado aceptou unha emenda do grupo socialista para que “o goberno central analice legalmente a posibilidade de revisar e anular as ampliacións da AP-9 atendendo ao requirimento da Comisión europea, neste sentido”.

Finalmente, o texto foi aprobado por unanimidade coa emenda do PSdeG.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG